O Presidente enxalza en Ribas de Sil “o valor da tradición e da vida no rural” no seu pregón da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite

“Esta celebración non é unha festa calquera, senón a expresión dunha identidade que medrou á beira do Sil, e dunha tradición que enche de sabor a nosa mesa e de sentido a nosa vida”, subliñou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de pregoar este domingo a XXI edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, unha das cita máis emblemáticas da Ribeira Sacra. José Tomé Roca pronunciouun discurso emotivo e reivindicativo no que puxo en valor “o rural galego, as súas tradicións e o valor dos produtos locais e das persoas que os producen”.
O mandatario provincial sinalou que esta celebración “non é unha festa calquera, senón a expresión dunha identidade que medrou á beira do Sil, e dunha tradición que enche de sabor a nosa mesa e de sentido a nosa vida”. Numerosas persoas seguiron o pregón desde a Praia Fluvial de San Clodio, un dos escenarios naturais máis recoñecidos do concello, e símbolo, segundo o Presidente, “dese rural vivo e orgulloso que aposta polo futuro”.
O Presidente recordou tamén a súa ligazón coa Ribeira Sacra, onde leva décadas vivindo e traballando, e puxo como exemplo o compromiso da Deputación de Lugo con esta comarca, o Concello de Ribas de Sil e especialmente con esta cita, á que a institución provincial aporta 9.000€ a través do Plan Deputación.
Pregón íntegro da XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite
Estar hoxe aquí, en Ribas de Sil, como pregoeiro desta XXI edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, é para min moito máis ca unha honra: é unha emoción fonda, persoal, e ó tempo un orgullo compartido con todas e todos vós.
En primeiro lugar, agradecer ó Alcalde a invitación que me fixo para estar aquí con todos vostedes. Porque esta non é unha festa calquera.
É a celebración dunha identidade que medrou ó pé do Sil, dunha tradición que enche de sabor a nosa mesa e de sentido a nosa vida. Hoxe, ó noso redor, non só hai cereixas, viño e aceite: hai historia, esforzo, paixón pola terra e unha maneira de entender o mundo que merece ser celebrada.
Aínda que nacín nunha parroquia de Guitiriz, levo décadas vivindo, traballando e amando esta comarca da Ribeira Sacra. Aquí formei a miña vida. Aquí fun profesor, aquí sigo sendo Alcalde de Monforte, e aquí aprendín que nada é máis poderoso que a xente que cre no que fai. Por iso, cando vexo os postos cheos de produto, vexo tamén as mans que os coidaron. Vexo familias, tempos de espera e ilusións depositadas en cada colleita.
O que se produce en Ribas de Sil ten calidade, ten carácter, ten verdade. E por iso é tan valorado. Porque leva detrás algo que non se compra nin se improvisa: a sabedoría da tradición e o coidado do traballo ben feito.
Esta festa é tamén a proba de que o rural galego está vivo, orgulloso, con ganas de compartir o mellor que ten. E desde a Deputación de Lugo cremos firmemente nesa forza. Por iso, apoiamos esta celebración non como un xesto simbólico, senón como unha expresión real do noso compromiso co territorioe coa xente que fai que cada recuncho da provincia teña futuro.
Ese compromiso vese tamén noutras accións que falan por si soas. Aquí mesmo, en Ribas de Sil, puxemos en marcha unha residencia pública que é moito máis ca un servizo social: é unha resposta humana, próxima, que permite ás persoas maiores continuar vivindo no lugar onde sementaron a súa vida. E ó tempo, é unha oportunidade para que o concello medre en emprego e en dinamismo.
Porque o que queremos, en definitiva, é iso: que a xente poida escoller quedar. Aquí que o rural non sexa unha lembranza, senón unha elección de vida. Que os que traballan no rural teñan servizos e apoio.
Hoxe, Ribas de Sil é exemplo. É exemplo de constancia e de orgullo. E tamén é exemplo de beleza, porque poucas paisaxes emocionan como esta praia fluvial que nos acompaña aquí hoxe, e que nos lembra o valor de convivir coa natureza.
Parabéns a todas e todos os que facedes posible esta festa. Grazas pola vosa entrega e pola vosa confianza. E grazas por demostrar, unha vez máis, que o mellor do rural non é o que se conta... senón o que se vive.
Viva Ribas de Sil!
Viva a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite!