A Deputación amplía o Impulsa TIC con 240.000€ para renovar os servidores e os sistemas de protección informáticos en 31 concellos
“Durante a realización das actuacións anteriores, os nosos técnicos detectaron deficiencias e necesidades de mellora na infraestrutura TIC local que imos cubrir con esta ampliación”, explicou a Voceira socialista do Goberno
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou ampliar o proxecto Impulsa TIC, o programa que lanzou a institución provincial para a transformación dixital e modernización das administracións locais da provincia. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que “concretamente, acordamos licitar dúas novas actuacións por algo máis de 240.000€ para a instalación dunha nova infraestrutura que permita mellorar as capacidades e servizos de 31 concellos”.
“Durante a realización das actuacións anteriores nos 52 concellos adheridos ao programa, os nosos técnicos detectaron diferentes deficiencias e necesidades de mellora na infraestrutura TIC local, en canto a capacidade e en canto a seguridade dos sistemas informáticos e servidores que os concellos teñen in-situ para albergar as aplicacións e información dos servizos que presta á cidadanía”, relatou a Deputada.
Para paliar esta situación, a Deputación de Lugo licita dous proxectos por un importe de 120.879€ cada unha para os 31 concellos que solicitaron participar nesta nova actuación. O primeiro deles irá destinado árenovación de servidores municipais. “Dotaremos a estes concellos de equipos informáticos novos de última xeración para ampliar as capacidades e recursos tecnolóxicos dos servidores municipais actuais, con medidas de seguridade e dispoñibilidade”, explicou García Porto, quenengadiu que dentro do contrato non só se realizará o subministro, senón que se instalará e configurará en cada concello para que quede completamente operativo.
A Deputación levará a cabo un segundo proxecto para implantar sistemas de protección e de copias de seguridade, que preveña por unha parte de accesos indebidos aos principais servidores e, por outra, que conteña proteccións ante cortes de subministro eléctrico, co fin de aumentar a seguridade e dispoñibilidade dos servizos municipais.Ademais implantarase un sistema de copias de seguridade automatizadas que faga un respaldo da información máis sensible e permita aos concellos recuperarse ante perdas de información provocadas por incidentes ou ciberataques.
“Estimamos unha duración de dous meses, rematando en calquera caso antes do 15 de setembro”, informou a Deputada, quen lembrou que “este novo investimento súmase ós 4,3M€ de fondos europeos que foi quen de captar a Deputación de Lugo para a transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”.
Os fondos investidos ata o momento permitiron, segundo valorou a Deputada, a mellora da eficiencia dos servizos básicos de administración dixital e mellorar a interoperabilidade administrativa; e por outra, conseguir concellos máis resilientes con capacidade de ofrecer servizos electrónicos aos cidadáns, mellorando ademais a transparencia, apertura e accesibilidade municipal.
Ofertas de emprego
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases para o ingreso como persoal funcionario de carreira na Deputación de Lugo de dúas prazas de técnico de Administración Xeral polo sistema de oposición libre. Nos vindeiros días sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).