Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación amplía o Impulsa TIC con 240.000€ para renovar os servidores e os sistemas de protección informáticos en 31 concellos

Pilar Garcia Porto
IMPULSA TIC
A Xunta de Goberno celebrada este venres deu luz verde incrementar este programa dotado con máis de 4,3M€ de fondos europeos para a transformación dixital e modernización das administracións locais da provincia

“Durante a realización das actuacións anteriores, os nosos técnicos detectaron deficiencias e necesidades de mellora na infraestrutura TIC local que imos cubrir con esta ampliación”, explicou a Voceira socialista do Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou ampliar o proxecto Impulsa TIC, o programa que lanzou a institución provincial para a transformación dixital e modernización das administracións locais da provincia. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que “concretamente, acordamos licitar dúas novas actuacións por algo máis de 240.000€ para a instalación dunha nova infraestrutura que permita mellorar as capacidades e servizos de 31 concellos”.

“Durante a realización das actuacións anteriores nos 52 concellos adheridos ao programa, os nosos técnicos detectaron diferentes deficiencias e necesidades de mellora na infraestrutura TIC local, en canto a capacidade e en canto a seguridade dos sistemas informáticos e servidores que os concellos teñen in-situ para albergar as aplicacións e información dos servizos que presta á cidadanía”, relatou a Deputada.
    
Para paliar esta situación, a Deputación de Lugo licita dous proxectos por un importe de 120.879€ cada unha para os 31 concellos que solicitaron participar nesta nova actuación. O primeiro deles irá destinado árenovación de servidores municipais. “Dotaremos a estes concellos de equipos informáticos novos de última xeración para ampliar as capacidades e recursos tecnolóxicos dos servidores municipais actuais, con medidas de seguridade e dispoñibilidade”, explicou García Porto, quenengadiu que dentro do contrato non só se realizará o subministro, senón que se instalará e configurará en cada concello para que quede completamente operativo.

A Deputación levará a cabo un segundo proxecto para implantar sistemas de protección e de copias de seguridade, que preveña por unha parte de accesos indebidos aos principais servidores e, por outra, que conteña proteccións ante cortes de subministro eléctrico, co fin de aumentar a seguridade e dispoñibilidade dos servizos municipais.Ademais implantarase un sistema de copias de seguridade automatizadas que faga un respaldo da información máis sensible e permita aos concellos recuperarse ante perdas de información provocadas por incidentes ou ciberataques.

“Estimamos unha duración de dous meses, rematando en calquera caso antes do 15 de setembro”, informou a Deputada, quen lembrou que “este novo investimento súmase ós 4,3M€ de fondos europeos que foi quen de captar a Deputación de Lugo para a transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”.

Os fondos investidos ata o momento permitiron, segundo valorou a Deputada, a mellora da eficiencia dos servizos básicos de administración dixital e mellorar a interoperabilidade administrativa; e por outra, conseguir  concellos máis resilientes con capacidade de ofrecer servizos electrónicos aos cidadáns, mellorando ademais a transparencia, apertura e accesibilidade municipal.