Deputación de Lugo

A Catedral de Lugo marca o inicio das Rutas do Románico da Deputación, que percorrerán a provincia durante dúas fins de semana

Catedral de Lugo
Rutas románico
Primeira ruta do románico da Deputación de Lugo
A institución provincial abre así as 16 rutas ao seu paso por 20 concellos da provincia os días 30 e 31 de maio e o 1, 7 e 8 de xuño co obxectivo de difundir este tipo de patrimonio de xeito gratuíto entre veciños e visitantes

O programa conta con 335 prazas, quedando só algunhas dispoñibles para os percorridos da vindeira fin de semana. As inscricións poden realizarse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org ou chamando ao 982 260 234 ou 982 26 00 11

A Deputación de Lugo arrancou este venres a quinta edición do programa de Rutas polo Románico da provincia de Lugo cunha visita guiada á Catedral de Lugo e á cidade medieval. A actividade inaugural marcou o arranque dun ciclo de 16 rutas gratuítas ao seu paso por 20 concellos, que se desenvolverán ao longo destas dúas fins de semana consecutivas, con parada nalgúns dos enclaves máis valiosos do patrimonio románico lucense.

A institución provincial busca con este programa poñer en valor este patrimonio no marco da súa estratexia turística, que aposta por un modelo de turismo de proximidade, sostible, de calidade,  e desestacionalizado. Unha iniciativa que se desenvolve en pequenos grupos, sen masificacións, e que deixa valor real no territorio en termos económicos e de emprego.

Este programa conta con 335 prazas, quedando algunha praza dispoñible nos percorridos da fin de semana que vén. Cada itinerario está pensado para 20 persoas por ruta, excepto nas de Lugo, Meira e Foz, que chegan ata as 25 persoas. As inscricións poden facerse a través dos teléfonos 982 260 234 e 982 260 011 de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e da páxina web da Deputación de Lugo: http://inscricions.deputacionlugo.org. Non haberá servizo de autobús, polo que os desprazamentos faranse en vehículos particulares.

A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo. 

A programación organizada este ano pola Deputación é a seguinte:

Venres, 30 de maio
- 10:30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval.

Sábado, 31 de maio
- 10:30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.
- 11:00 horas. O románico no Camiño de Santiago. Portomarín e Paradela.
- 16:30 horas. O románico de Taboada.
- 16:30 horas. Tesouros do románico rural en Lugo.

Domingo, 1 de xuño 
- 10:30 horas. Monforte na historia 
- 10:30 horas. A basílica de San Martiño de Mondoñedo de Foz
- 17:00 horas. O Románico Urbano. Visita a unha importante vila medieval no reino de Galicia: Viveiro. 

Sábado, 7 de xuño
-10:30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
-10:30 horas. O románico nas terras da Ulloa: Antas de Ulla. 
- 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel. 
- 16:30 horas. O románico nas terras da Ulloa: Palas de rei e Monterroso.

Domingo, 8 de xuño
-11:00 horas. Sarria e O Camiño: Os pasos do románico. 
-11:00 horas. O románico de Chantada. 
-11:00 horas. Santa María de Meira.
- 16:30 horas. Dez séculos no concello de Sober: Dos Romanos ao Románico.