Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación abre o prazo para presentar candidaturas aos VI Premios á Excelencia do Turismo e da Gastronomía da provincia de Lu

Os galardóns buscan poñer en valor o traballo e a calidade do sector con premios en tres categorías: Premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Premio Turismo Sostible e Premio ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense

As candidaturas pódense presentarse ata o 30 de xuño por persoas ou entidades a través da sede electrónica da Deputación e as bases, con toda a información da convocatoria, pódense consultar no BOP do día 29 de maio

A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo para presentar candidaturas á sexta edición dos Premios á Excelencia do Turismo e da Gastronomía da provincia de Lugo, tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases que regulan esta convocatoria. Trátase dunha iniciativa consolidada que busca recoñecer publicamente o labor de persoas, entidades e proxectos que contribúen a fortalecer e poñer en valor o sector turístico e gastronómico lucense.


Estes galardóns, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, forman parte da estratexia da Deputación para impulsar un modelo turístico sostible, competitivo e de calidade, apoiando ao tempo o dinamismo empresarial, a innovación e a conservación das tradicións locais. Tal e como explicou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, “estes premios son unha medida máis para apoiar e visibilizar o excelente traballo que se está a facer no noso territorio, tanto no ámbito do turismo como na gastronomía, dous sectores clave para o desenvolvemento da provincia”.


A convocatoria mantén as tres categorías:
-    Premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense, que recoñece iniciativas que promovan de maneira destacada o turismo na provincia.
-    Premio Turismo Sostible, dirixido a proxectos exemplares por fomentar un modelo turístico respectuoso co medio ambiente e a identidade local.
-    Premio ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, centrado na posta en valor da calidade e singularidade da oferta gastronómica da provincia.


As candidaturas poderán ser presentadas durante este mes, ata o 30 de xuño, por persoas físicas ou xurídicas, entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, estatal ou internacional, sempre que teñan unha repercusión positiva no turismo ou na gastronomía da provincia ou dunha zona concreta. As propostas poden realizarse directamente ou a través dunha terceira persoa, con consentimento expreso da persoa ou entidade candidata a través da sede electrónica da Deputación. 


O xurado, composto polos membros do Consello Provincial de Turismo, encargarse de valorar as candidaturas segundo criterios como a contribución ao desenvolvemento turístico da provincia, a singularidade da proposta e a súa capacidade para mellorar a imaxe e proxección de Lugo como destino turístico e gastronómico. Poderanse conceder ata tres premios nas categorías de Turismo Lucense e Gastronomía Lucense, e un único galardón na de Turismo Sostible. Ademais, o xurado poderá outorgar ata tres accésits adicionais.


A entrega dos premios está prevista para finais de setembro, nun acto público que reunirá representantes institucionais, premiados e profesionais dos sectores implicados. Os galardóns consistirán nun diploma acreditativo e un agasallo institucional, como en edicións anteriores.
As bases completas da convocatoria están xa dispoñibles no BOP do 29 de maio de 2025 e poden consultarse na páxina web da Deputación de Lugo.