Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación destina 25.000€ para potenciar a proxección turística da Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou este martes un acordo de colaboración co presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, para apoiar o desenvolvemento da súa actividade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, asinaron este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 25.000€ a esta entidade para apoiar o desenvolvemento da súa actividade e potenciar a proxección turística da Ribeira Sacra.

O mandatario provincial sinalou que “desde a Deputación de Lugo renovamos un ano máis a colaboración co Consorcio colaborando así coas tarefas que realizan en materia de comercialización e promoción da zona sur da provincia”. Nese sentido, José Tomé puxo en valor o labor desta entidade e recordou que “manteñen un servizo permanente de consultoría para os concellos e os axentes privados da Ribeira Sacra; encárganse de darlle difusión a súa actividade a través de medios online e convencionais; e revisan o estado da sinalización, a xeolocalización dos recursos turísticos ou a distribución de material promocional e informativo a todos puntos de información turística da Ribeira Sacra e do resto da comunidade galega, entre as súas actuacións”.

O Consorcio tamén participa activamente nos trámites da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e asume funcións e partidas do Plan de Xestión de Paisaxe Cultural Ribeira Sacra. A proposta, reformulada baixo un novo enfoque que se centra na paisaxe cultura da auga, avaliarase o vindeiro ano. O mandatario provincial lembrou a implicación da Deputación de Lugo na consecución desta distinción internacional e lembrou a campaña de mobilización institucional e social que liderou a Deputación no ano 2011 baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro. 

Tomé Roca destacou ademais que “potenciar o turismo da provincia é unha das liñas que vertebran a acción do noso goberno. Por iso, apostamos por un modelo de turismo sostible, de calidade, non masificado, e que se centra na experiencia das persoas que nos visitan”.