Portomarín enxalza a cervexa artesanal e consolida o BeerFest esta fin de semana, co apoio da Deputación
García Porto destacou que se trata dun evento “que aposta por un turismo que respecta, que pon en valor e que ofrece experiencias memorables” o que encaixa “á perfección” co modelo polo que traballa a institución provincial
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a cuarta edición deste encontro. A cita coa cervexa artesanal celebrarase este ano entre o 2 e o 3 de maio na Praza do Camiño, grazas ao apoio da Deputación.
García Porto convidou á participación no BeerFest, á que a institución provincial achega unha aportación de 2.500€ este ano. Enmarcou a colaboración no modelo de turismo polo que traballa a institución provincial, “sostible, de calidade, ligado ás experiencias auténticas”.
Destacou que este ano o BeerFest reforza a súa vocación internacional cunha selección de 14 marcas nacionais e internacionais, algunhas chegadas de Escocia, Bélxica, Portugal, Hungría, Francia ou Polonia, entre outros países. “Unha ocasión inmellorable para coñecer de primeira man aos mestres cervexeiros, participar nas mellores catas e vivir unha experiencia diferente”.
14 tipos de cervexas de todo o mundo
Un dos obxectivos da festa tamén é que a sociedade poida descubrir novas cervexas que non é doado atopar nos comercios convencionais. Entre as marcas de cervexa que estarán representadas esta fin de semana están Mad Scientist (Hungría), Vault City (Escocia), 3 Fonteinen (Bélxica), Letra (Portugal), La Canibal (Madrid), la Quince (Madrid) ou Solpor (Galicia). O BeerFest contará ademáis con postos de comida, catas con monólogos e música.