Deputación de Lugo

A Deputación reafirma o seu compromiso con EQUIGAL, que arranca este venres no Pazo de Feiras

A institución provincial apoia cunha achega de 40.000€ esta cita clave para o sector ecuestre galego, que se celebra do 2 ao 11 de maio e ofreceun amplo programaconconcursos, exhibicións e certames

O Deputado de Promoción Económica e Social presentou nos Xardíns de San Marcos esta cita, destacando que “é un evento que combina tradición, profesionalidade e innovación, ofrecendo un escaparate privilexiado para criadores, deportistas e amantes do mundo do cabalo”

A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso con EQUIGAL, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que arranca este venres no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A institución provincial será, un ano máis, o principal patrocinador deste evento clave para o sector ecuestre galego, cunha achega de 40.000 euros.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, acompañado polo xerente do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, presentou este mércores o Salón nos Xardíns do Pazo de San Marcos, nun acto que contou tamén coa presenza de exemplares equinos que participarán no evento. “EQUIGAL é un evento que combina tradición, profesionalidade e innovación, ofrecendo un escaparate privilexiado para criadores, deportistas e amantes do mundo do cabalo”, afirmouo Deputado.

A cita, que se celebrará do 2 ao 11 de maio, ofrece un amplo programa de actividades gratuítas, que inclúe concursos morfolóxicos, exhibicións ecuestres e certames especializados, converténdose nun punto de encontro único para criadores, profesionais e afeccionados ao mundo do cabalo.

“Hoxe, aquí mesmo, coa presenza destes magníficos exemplares, podemos admirar a beleza, o porte e a nobreza do cabalo, símbolo universal de forza, elegancia e traballo. Unha mostra viva do que agarda a todos aqueles que se acheguen a EQUIGAL”, engadiu Rivera Capón. 


Puxo en valor o Deputado a aposta da Deputación con eventos deste tipo que “sempre é firme e indiscutible, xa que constitúen piares fundamentais para o desenvolvemento económico e social da provincia”.Convidou Pablo Rivera á cidadanía “a vivir EQUIGAL, a admirar a forza, a beleza e a paixón do mundo ecuestre, facendo de Lugo un punto de encontro, de celebración e de futuro durante toda a celebración deste salón”


Concursos, exhibición e bautismos ecuestres

A décimo oitava edición de EQUIGAL Salón Internacional do Cabalo de Galicia abrirá as súas portas o venres 2 de maio, co Concurso Hípico Nacional de Salto de Obstáculos. Entre o luns e o domingo, 5 ao 9 de maio, haberá bautismos ecuestres, e o sábado 10 e domingo 11, terán lugar o XVIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Árabe (PARA); e o VIII Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Galega (PRG).