Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación abre mañá o prazo de solicitude das axudas por 110.000€ para as asociacións que traballan nas Reservas

Reservas da Biosfera
Medio Ambiente
Terras do Miño
Ancares Lucenses
Reserva Ancares
A institución subiu este ano nun 30% o importe total da liña de subvencións, dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver proxectos vencellados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria de axudas, que poden solicitarse ata o vindeiro 29 de marzo

A Deputación de Lugo abre mañá o prazo de solicitude das axudas que convoca neste 2023 por un importe de 110.000€, un 30% máis que o pasado ano, para entidades sen ánimo de lucro que traballan no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A institución provincial apoia con estas subvencións, de concorrencia competitiva, actuacións e proxectos do tecido asociativo vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas. 

Este é o terceiro ano no que a Deputación abre esta liña de axudas, que convocou por primeira vez no ano 2021. Inclúe dúas liñas de actuación: unha dotada con 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outra, por un importe de 50.000€, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Nesta ocasión, a contía máxima da subvención que se outorga será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto.
 
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe a convocatoria, que establece 10 días hábiles de prazo para presentar as solicitudes a contar dende mañá, xoves. Polo tanto, os colectivos interesados poderán formular as peticións ata o vindeiro 29 de marzo. O prazo de execución das actividades que resulten subvencionadas remata o 31 de decembro. 

Obxecto e beneficiarios
Poden solicitar subvencións entidades ou asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas, inscritas no rexistro público, con sede ou que actúen no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. As axudas están destinadas ao desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios neste ano 2023. 

Unha das liñas, dotada con 60.000€, destínase ás entidades da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que comprende os seguintes municipios: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade.

A outra das liñas, dotada con 50.000€, destínase á execución de actividades no territorio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, da que forman parte os seguintes municipios: Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. 

Éxito das edicións anteriores
A Deputación de Lugo destaca que a experiencia das pasadas convocatorias destas subvencións resultou moi positiva. Medio cento de asociacións das Reservas Terras do Miño e dos Ancares Lucenses recibiron xa axudas, grazas ás que puideron sacar adiante proxectos que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social e cultural. 

Algúns exemplos de iniciativas desenvolvidas con estes fondos foron, por exemplo, o mantemento de rutas de sendeirismo, a edición de libros sobre a fauna e a flora, limpeza e roza de maleza, melloras de locais sociais, obradoiros en familia, o mantemento das pallozas do Piornedo, actividades de divulgación, arranxos de camiños ou, entre moitos outros, o cultivo de especies autóctonas ou a recuperación de citas como a Feira do 12, en Becerreá. 

Esta boa experiencia levou á institución provincial a reeditar esta convocatoria, que este ano chega antes que en anos anteriores, e se ve incrementada no seu importe.