O Alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación celebra a XV Semana do Teatro

O alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo (CFA) está a celebrar a XV edición da Semana do Teatro, coa representación de doce obras. A actividade forma parte do proxecto educativo do CFA, dentro dos Módulos de Rexedoría, de Produción de Espectáculos, de Realización de Televisión e de Montaxe. Nela participa a totalidade do estudantado, dirixido polo equipo docente, dos ciclos superiores de Realización e de Produción que se imparten no centro.
Trátase dunha práctica real na que os alumnos e alumnas escriben, producen, realizan, dirixen e interpretan as pezas teatrais. Durante o proceso, van rotando polos distintos postos para adquirir experiencia e coñecemento funcional de cara a decidir o seu futuro profesional.
O audiovisual a escena
Operadores de cámaras encárganse da filmación das obras dende o estudo de gravación no que se poñen en escena, mentres o resto do equipo formado polo realizador, o axudante de realización, o técnico de mesturas e o de son traballan dende os controis de realización e son.
Ao longo deste mes, cada unha das representacións poderá verse en aberto a través da canle de Youtube e nas redes sociais do Servizo de Audiovisuais da Deputación.