Deputación de Lugo

José Tomé Roca participa na Comisión de Deputacións da FEMP que se celebrou hoxe en Ourense

FEMP
Cooperación cos Concellos
O Presidente pon en valor os avances no Estatuto Básico dos Municipios de Menor Poboación producidos hoxe no seo desta reunión na que participaron institucións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares de toda España

O mandatario provincial subliñou o labor “imprescindible de cooperación cos concellos” que desempeñan as deputacións para que estes “poidan prestar servizos á súa veciñanza”, a necesidade de contar cun maior financiamento, e a súa eficiencia e capacidade para a xestión de fondos europeos

Os presidentes e presidentas dos gobernos locais intermedios participantes no encontro incidiron na importancia da reivindicación impulsada polo mandatario lucense de dispoñer de fondos da UE para o mantemento e mellora das estradas provinciais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este luns na cidade de Ourense. José Tomé puxo en valor os avances no Estatuto Básico dos Municipios de Menor Poboación producidos no seo deste encontro, onde os gobernos locais intermedios fixeron as súas aportacións sobre este conxunto de disposicións que ten como obxectivo afrontar o reto demográfico.

Está previsto que o Estatuto dos Municipios de Menor Poboación quede integrado na reforma da Lei de Bases do Réxime Local para reforzar o funcionamento democrático, dotando de máis autonomía e poder de decisión ás entidades municipais, modernizando os gobernos locais con medidas dirixidas a fomentar a dixitalización dos servizos públicos locais, mellorar a participación cidadá ou establecer unha regulación básica para aqueles con menor poboación. Neste sentido, o foro serviu para poñer de manifesto o papel das Deputacións na vertebración do territorio e á hora de asegurar as mesmas oportunidades para as persoas con independencia do lugar no que residan.

José Tomé subliñou o labor “imprescindible de cooperación cos concellos” que desempeñan as deputacións para que estes “poidan prestar servizos á súa veciñanza”, a necesidade de contar cun maior financiamento, e a súa eficiencia e capacidade para a xestión de fondos europeos.

“Sempre digo que a Deputación de Lugo é o Concello dos concellos, porque creo que as Deputacións temos un labor determinante para que poidan prestar os servizos aos seus veciños e veciñas. Somos unha Administración fundamental para a cohesión social e o equilibrio territorial e temos un compromiso firme de colaboración cos concellos, sobre todo cos máis pequenos, para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico”, recalcou o Presidente.

Precisamente neste sentido e no marco do falado neste encontro, José Tomé valorou que son os Gobernos Locais “os instrumentos axeitados para xestionar os Fondos Europeos Next Generation EU porque garanten que cheguen a cada recuncho do territorio”, apuntando que de cara ao próximo marco comunitario de financiamento, tanto as Deputacións como os Concellos, poden aportar una “boa experiencia” cara as esixencias europeas.

Os presidentes e presidentas dos gobernos locais intermedios participantes no encontro de hoxe en Ourense incidiron así mesmo na importancia da reivindicación impulsada polo mandatario lucense de dispoñer de fondos da UE para o mantemento e mellora das estradas provinciais

La Administración cerca de ti

Na reunión desta mañá tamén se abordou a iniciativa La Administración cerca de ti, froito do convenio subscrito entre a FEMP e o Ministerio de Política Territorial, que xorde para achegar máis á cidadanía os instrumentos da Administración Xeral do Estado e evitar así desprazamentos ás capitais da provincia ou a concellos máis grandes.