Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente asina co Alcalde un novo convenio para construír a residencia de Portomarín cun investimento da Deputación de 1,6M€

Centro de Atención a Maiores
Portomarín
José Tomé Roca reafirma deste xeito o seu compromiso co Concello e cos veciños e veciñas de crear o Centro de Atención a Maiores, que agora se adapta ao modelo asistencial da institución provincial, pasando de pisos tutelados a unha residencia con practicamente un coidador por usuario, que favorece o arraigo, e crea riqueza e emprego

“Continuamos cunha política de feitos, que é a única útil para a cidadanía, aínda que temos que lamentar de novo a falta de apoio da Xunta, a administración que por Lei ten as competencias en servizos sociais e que, sen embargo, non colabora para nada coa Deputación para abrir estas residencias que tan bo servizo están prestando”

A institución abriu dende o ano 2019 un total de 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Ademais, avanza noutros 9 proxectos, entre eles o de Portomarín

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves no Pazo de San Marcos co Alcalde de Portomarín, Pablo Rivas Folgueira, un novo convenio de colaboración para crear un Centro de Atención a Maiores neste municipio. Un acordo a través do que a institución provincial compromete 1,6M€, mentres que o Concello asumirá 200.000€.

“Neste mandato conseguimos abrir 6 residencias de maiores. Polo tanto, coas tres que había xa en marcha, hoxe temos na Deputación de Lugo unha rede de 9 centros de atención a maiores noutros tantos concellos da nosa provincia”, subliñou o Presidente. “Un fito importante”, engadiu, pero “non nos quedamos aquí”. “Seguimos traballando, dedicando un enorme esforzo económico e de xestión, para cumprir con todos os compromisos que temos cos concellos en materia de residencias”, incidiu José Tomé, que enmarcou neste traballo intenso e continuo a firma do convenio de Portomarín.

O Presidente cumpre coa palabra dada ao Concello e aos veciños e veciñas, tras superar inconvintes alleos á Deputación, asinando un acordo que segue “o modelo asistencial que temos implantado nesta institución”. Desta forma, “en consenso co Alcalde, pasamos de vivendas tuteladas a unha residencia con practicamente un coidador por residente, que favorece o arraigo das persoas maiores, e que crea actividade económica e emprego”, explicou.

José Tomé asegurou que hoxe “é un día de satisfacción porque continuamos cumprindo coa provincia, continuamos cunha política de feitos, que é a única útil para a cidadanía”, aínda que “temos que lamentar de novo a falta de apoio da Xunta de Galicia, a administración que por Lei ten as competencias en servizos sociais e que, sen embargo, segue sen colaborar para nada coa Deputación para construír e abrir estas residencias que tan bo servizo están prestando na nosa provincia”.

9 residencias abertas e outras 9 en marcha

A institución abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como Presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres. 

Ademais, a Deputación segue traballando para sacar adiante proxectos noutros nove concellos: A Pontenova (que xa está en obras); Guitiriz (adxudicada); Portomarín (asinado un novo convenio de colaboración para a construción); A Pobra do Brollón (en fase de licitación); Becerreá (en proceso de instalación dun centro de transformación eléctrica e do equipamento); Pantón (redactado o proxecto e asinado o convenio); Ourol; Folgoso do Courel; e Cervantes.

Un modelo asistencial de referencia

A institución provincial ten implantado en colaboración cos concellos un modelo asistencial 100% público de residencias situadas no rural, cunha media de 30 usuarios e usuarias e 25 traballadores, practicamente un coidador por residente, o que garante unha asistencia de calidade e condicións laborais dignas. Favorece ademais o arraigo porque os veciños do concello e da comarca na que se localizan os centros teñen prioridade de acceso ás prazas, polas que os usuarios pagan segundo a súa capacidade económica. Polo tanto, a institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen.

Os centros de maiores da Deputación de Lugo teñen unhas infraestruturas modernas e adaptadas ás necesidades dos maiores e ao seu grao de dependencia. A maiores dos servizos esenciais ofrecen actividades destinadas ao entretemento e a fomentar unha vida activa. As residencias contan tamén cun servizo de limpeza continua, lavandaría e xastrería. O persoal dedica unha atención especializada en áreas fundamentais, como a hixiene persoal ou a mobilidade. Ademais, ofrécense menús adaptados elaborados por expertos en nutrición, cociñados con produtos de temporada e de proximidade, pensando sempre en coidar a saúde dos maiores. É habitual que as direccións dos centros organicen menús especiais cadrando con aniversarios ou celebracións arraigadas na provincia, como é o San Xoán, o Entroido, o magosto, ou o Nadal, co obxectivo de que a súa vida no centro se asemelle ao máximo posible á que levaron sempre.

O modelo da Deputación favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e, ao mesmo tempo, ten un retorno económico importante para a zona na que están instalados os centros, pois crean emprego, sobre todo feminino, –unha media de 25 postos de traballos directos máis os empregos indirectos- e dinamizan a economía das zonas nas están instalados porque se abastecen de servizos e de produtos de proximidade.

Acción eficaz de apoio ao rural

Trátase, en definitiva, de converter un factor como o envellecemento nun elemento de dinamización socioeconómica a través dun claro exemplo da economía circular. Así, o modelo constitúe unha acción eficaz para afrontar o reto demográfico e para fixar poboación no territorio, como así o valorou o Goberno do Estado a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico. De feito, a economía dos coidados que aplica a Deputación vai na liña marcada polo Goberno do Estado para o novo modelo de residencias e ten boa acollida en Europa, tal e como quedou constatado durante a participación da institución, xa por tres ocasións, na Semana Europea das Rexións e Cidades, o maior evento anual que se celebra en Bruxelas dedicado á política rexional.