A Deputación de Lugo impulsa o I Encontro Ecolóxico Galego, que se celebrará o 1 de novembro en Parga

A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, participou este martes no Centro de Interpretación do Turismo de Parga na presentación do I Encontro Ecolóxico Galego, unha iniciativa impulsada pola Plataforma Proecogal que conta co apoio da Deputación de Lugo. O evento celebrarase o 1 de novembro no Campo da Feira de Parga, coincidindo co tradicional espazo feiral da localidade.
Durante o acto, Marisol Morandeira destacou “o orgullo de que Guitiriz acolla unha cita que pon o ecolóxico galego no mapa e que aposta polo rural, pola sustentabilidade e polo talento da nosa xente”.
A Deputación de Lugo colabora con este evento, poñendo á disposición da organización unha carpa para o seu desenvolvemento e apoiando a súa difusión pública, co obxectivo de dar visibilidade ao traballo das persoas e entidades que apostan pola produción ecolóxica e polo consumo responsable. Morandeira sinalou que “a institución provincial está a apoiar proxectos que apostan por un rural con futuro, no que o ecolóxico é unha ferramenta de igualdade, de economía local e de orgullo territorial”. Engadiu que “o ecolóxico non é unha moda, é unha maneira de vivir e producir con respecto e conciencia, e eventos coma este son fundamentais para consolidar esa visión”.
O I Encontro Ecolóxico Galego celebrarase durante toda a xornada do venres 1 de novembro, no Campo da Feira de Parga, con entrada libre e actividades para todos os públicos. De 10:00 a 19:00 horas estará aberto o mercado ecolóxico, con postos de produtoras e produtores de toda Galicia, entre os que se atopan Ana da Cernada, Isabelle Gómez, Nuska Chousa e Mar Pérez Fra, que ofrecerán alimentos, cosmética natural, plantas, artesanía e outros produtos sostibles.
A partir das 11:00 horas comezarán os obradoiros formativos e demostrativos, cunha ampla oferta de actividades: cociña ecolóxica e de tempada a cargo da recoñecida chef Begoña Vázquez, un obradoiro artístico con materiais naturais dirixido por Martín Mantilla e Lola Tourón, e iniciación á cerámica ecolóxica con Víctor Uriz, combinando tradición e sustentabilidade.
Pola tarde celebrarase unha mesa redonda na que participarán diferentes voces do sector ecolóxico galego, que abordarán os retos e oportunidades do ecolóxico en Galicia, dende a produción ata o consumo, pasando pola educación ambiental e o papel do rural como motor de cambio. Durante toda a xornada haberá tamén espazos de degustación, música ambiente e actividades para público infantil, co obxectivo de crear un ambiente de aprendizaxe, convivencia e posta en valor do rural galego.
A Deputada pechou o acto animando á participación: “O 1 de novembro queremos que Parga sexa un punto de encontro para todas as persoas que cren nun modelo de vida máis sostible, que valoran o produto galego e que defenden o noso rural”.