Deputación de Lugo
Economía

A Deputación apoia a celebración das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

Seragro
Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación do encontro, que puxo en valor porque “pon en contacto o traballo dos gandeiros e gandeiras cos novos avances da investigación aplicada. Un exemplo dese camiño a seguir para facer máis sostibles e máis competitivas as explotacións gandeiras”

A institución provincial colabora con 12.000€ coa organización do foro, que esta edición terá lugar os días 10 e 11 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, participou este xoves no Pazo de San Marcos na presentación das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, xunto ao o presidente de Seragro, Víctor Manrique Arroyo, e os organizadores desta cita, os veterinarios Francisco Sesto Pérez e Noelia García Santoalla. A  institución colabora economicamente con este foro, que se celebrará os vindeiros 10 e 11 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo, cunha achega económica de 12.000€.

García Porto salientou a importancia da celebración desta nova edición porque as xornadas “poñen en contacto o traballo dos gandeiros e gandeiras cos novos avances da investigación aplicada. Son un exemplo dese camiño a seguir para facer máis sostibles e máis competitivas as explotacións gandeiras”. 

“Sempre dicimos que o sector primario é fundamental para o presente e para o futuro da provincia de Lugo. A actividade agrogandeira, forestal e do mar xera riqueza e emprego, ademais de favorecer a tan necesaria ordenación do territorio”, explicou. Polo tanto, asegurou a Deputada, “apoiar o sector primario para que sexa sostible e competitivo é algo imprescindible se queremos fixar poboación no rural e afrontar con seriedade os problemas demográficos que temos na nosa provincia e en toda Galicia”. 

Citas como estas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, subliñou, “repercuten na mellora da calidade de vida dos propios profesionais, no benestar animal, na rendibilidade das explotacións e nunha mellor calidade e valor do produto, e polo tanto, no dinamismo social e económico da provincia. Dende logo, esta é tamén a liña de traballo da Deputación de Lugo. Temos un compromiso moi claro e visible co sector primario”, indicou, como demostra co proxecto da Granxa Gayoso Castro, onde se atopa a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público experimental de Galicia que xunta formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo. 

Un compromiso, sinalou a voceira socialista que “facemos realidade tamén con moitas outras iniciativas, en colaboración coa Universidade e co propio tecido produtivo. O apoio económico, de 12.000€, que damos para a organización destas xornadas é, de feito, froito dese estreito contacto e da ampla colaboración que temos coas agrupacións vinculadas ao sector”.

O programa

O programa deste ano para as XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite inclúe contidos moi atractivos tanto para os gandeiros e produtores, como para os estudantes. Haberá un conxunto de relatorios que se centrarán en temas de actualidade e de interese para o sector. Entre eles, cuestións de benestar animal, cambio climático, aspectos de mellora no manexo das explotacións e o leite como produto de consumo.

 

Programa das xornadas