O Centro de Formación Audiovisual da Deputación súmase ao 25N cunha nova edición de En Camiño contra as Violencias
Os estudantes do CFA participaron vestidos de negro e con máscaras cos nomes das 38 mulleres asasinadas no que vai de 2025 para facer visible a súa repulsa contra a violencia machistas
O silencio, en sinal de dó e de respecto polas vítimas, foi o gran protagonista desta actividade na que o alumnado da Escola amosou o se compromiso coa igualdade, o respecto e a liberdade
O Centro de Formación Audiovisual da Deputación sumouse á conmemoración do 25N coa sexta edición de En Camiño contra as Violencias, unha iniciativa organizada polo alumnado de 1º de Produción que tivo lugar este venres na Praza de San Marcos coa presencia do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.
Os alumnos e alumnas dos dous ciclos que se imparten no CFA participaron vestidos de negro e co rostro cuberto con máscaras cos nomes das 38 mulleres asasinadas no que vai de 2025. O silencio, en sinal de dó e de respecto polas vítimas, foi o gran protagonista desta actividade coa que os estudantes quixeron facer visible a súa repulsa contra a violencia machista. Unha alumna dixo, en nome dos seus compañeiros e compañeiras, que “hoxe estivemos en silencio, pero non calamos. Sabemos que a violencia machista non é unha noticia illada nin un problema privado. É unha lacra social que destrúe vidas, proxectos e futuro. Como xeración que constrúe o mañá, cremos na igualdade, na educación, no respecto e na liberdade”.
Mensaxes contra a violencia machista
Un alumno arrancou o acto lendo un texto dos estudantes no que afirman que En Camiño contra as violencias non é unha celebración, senón unha declaración, un recordo para as mulleres que xa non están e un compromiso coas que seguen vivas. “Para nós, o Camiño representa o movemento, a acción e a resistencia constante fronte a todas as formas de agresión, tanto as visibles como as soterradas”. Ademais, anunciaron que o compromiso da Escola irá moito máis aló desta actividade, xa que estará presente “en cada aula, en cada vídeo, en cada proxecto, en cada conversa e en cada decisión que tomemos”.
A actividade tamén incluíu un audio con mensaxes de alumnos e alumnas nas que desenvolveron a súa creatividade denunciado a violencia machista a través de diversas fórmulas, como a poesía ou o rap.
Práctica nun escenario real
En Camiño contra as Violencias recolle cada curso as propostas dos alumnos e alumnas de 1º de Produción, que se ocupan tamén da súa organización. Trátase da súa primeira práctica nun escenario real, dentro do Módulo de Planificación de Espectáculos. Pero, ademais, na actividade implícanse todos os estudantes de Realización e Produción e o persoal do Centro.