Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación lanza novas actividades gratuítas de lecer e educación ambiental en Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

reservas biosfera
actividades gratuitas
Medio Ambiente
A programación inclúe 13 propostas para todos os públicos, que se desenvolverán entre outubro e decembro nestas dúas reservas da biosfera xestionadas pola institución provincial

Obradoiros de poda, micoloxía, cestaría, actividades relacionadas co Nadal, coa fotografía, ou un taller para crear un horto para o autoconsumo son algunhas das accións ofertadas

As actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán reservar praza a partir de mañá, xoves, a través da páxina web da Deputación e dos números de teléfono 982.227.812, 982.227.813 e 982.305.930

A Deputación de Lugo organiza un novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial. A programación inclúe 13 propostas para todos os públicos, que se desenvolverán no último trimestre do ano, dende o 10 de outubro ata o 30 de decembro.

O prazo de inscrición ábrese este xoves e as actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial. Para as iniciativas que se desenvolvan na Reserva dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá estarán dispoñibles os números de teléfono 982.227.812 e 982.227.813 e para as que teñan lugar na Reserva da Biosfera de Terras do Miño estará habilitado o número 982.305.930 e un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais

Propostas en Terras do Miño
A primeira proposta na Reserva de Terras do Miño será Tecnoloxía polo Medio Ambiente, unha actividade para adultos que se desenvolverá no Centro de Interpretación deste espazo protexido, en Lugo, entre o 17 e o 21 de outubro, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 12 prazas dispoñibles.

Do día 24 ao 29 de outubro están programadas unhas xornadas micolóxicas, unha actividade para adultos que se desenvolverá en horario de tarde, de 19.30 a 21.30 horas, os días 24, 25, 26, 27 e 28, e de 10.00 a 13.30 horas o día 29. Conta con 100 prazas. As xornadas celebrarase no Salón de Actos da Deputación de Lugo e nos bosques próximos ao Centro de Interpretación.

Xa no mes de novembro, do día 7 ao 11, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada tamén para os adultos: O horto: unha experiencia diferente. Son 30 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Entre o 14 e o 18 de novembro, os adultos poderán aprender de fotografía coa iniciativa Creación de imaxes na Natureza que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10:00 a 14:00 horas da mañá. Haberá 10 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

O Centro de Interpretación tamén será o escenario para o obradoiro Decoración de Nadal sostible. Unha actividade pensada para os adultos que se desenvolverá en dúas quendas, a primeira, do 21 ao 23 de novembro, e a segunda, entre o 24 e o 28. Ambas serán en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e haberá 12 prazas.

Crea o teu propio horto de autoconsumo é o título da primeira actividade de decembro, entre os días 12 e 16 no Centro de Interpretación Terras do Miño. Estará destinada aos adultos e terá lugar en horario de mañá, entre as 10:00 e as 13:00 horas.

Os máis pequenos poderán participar no obradoiro Fotografía no Nadal, que terá lugar entre o 26 e o 30 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño.

Propostas nos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
Cervantes acollerá a primeira actividade da Montaña. O 10 de outubro haberá un Obradoiro de cestaría destinado aos adultos. Terá lugar na Casa Catoira de San Román en horario de 10:00 a 14:00 horas e haberá dispoñibles 10 prazas. O alumnado do CPI de Cervantes poderá desfrutar o 4 de novembro dun Curso de Micoloxía entre as 10:00 e as 14:00 horas.

O concello de Navia de Suarna acollerá o vindeiro 15 de outubro outro Curso de Micoloxía destinado a familias e adultos. Celebrarase na Escola de Barcia e terá lugar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Haberá dispoñibles 25 prazas. Entre os días 8 e 13 de novembro, tamén na Escola de Barcia, terá lugar un Curso de poda, unha iniciativa pensada para as familias e para a que haberá outras 15 prazas.

Becerreá acollerá unha Saída Micolóxica o 16 de outubro. Unha iniciativa pensada para as familias e os adultos que terá lugar no Centro Social en horario de 10:00 a 14:00 horas. O 28, 29 e 30 de decembro, as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán apuntarse ao Campamento de Nadal, unha actividade para a que haberá 25 prazas e que se desenvolverá no Centro Social de Becerreá entre as 10:00 e as 14:00 horas.