Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente pon en valor á provincia de Lugo como potencia en agricultura ecolóxica no 25 aniversario do CRAEGA

CRAEGA
agricultura ecolóxica
Tomé Roca participou no acto de celebración que tivo lugar este venres en Palas de Rei, destacando a relevancia que o territorio lucense ten nas importantes cifras de facturación

O mandatario provincial detallou que a provincia achega a metade de superficie ecolóxica de Galicia, contando con 16.854 hectáreas das 32.000 hectáreas da comunidade galega

“O labor do CRAEGA foi, e debe seguir sendo, un elemento clave no futuro do rural porque aposta pola innovación, favorece a tan necesaria ordenación do territorio, e combina o desenvolvemento económico co coidado do medio ambiente”, dixo

Puxo de manifesto a relevancia das políticas da Deputación para apoiar ao rural, dende a colaboración cos Concellos para que teñan máis e mellor servizos para a veciñanza, a Rede de Centros de Atención a Maiores, ou a mellora das estradas provinciais, entre outros exemplos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres no acto de celebración dos 25 anos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Un acto que acolleu o complexo A Parada das Bestas, en Palas de Rei, e no que tamén participou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, o Alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, e o Presidente do CRAEGA, Francisco López, entre outras autoridades. 

Tomé Roca felicitou ao CRAEGA, á súa dirección e a todas as persoas e entidades que contribúen ao seu funcionamento. “Desexo que sigan pola boa senda e que cumpran cos retos que teñen fixados para os vindeiros anos que, estou convencido, continuarán marcados polo éxito, porque o CRAEGA e os produtores ecolóxicos demostran, cada día, que temos un rural vivo, dinámico, cheo de proxectos. As administración públicas debemos apoiar esas iniciativas e complementalas cunha oferta de servizos públicos e infraestruturas á altura, guiados, non por criterios economicistas de curto prazo, senón por criterios de rendibilidade social orientados a garantir o futuro”.

Nas súas palabras o Presidente provincial recoñeceu o traballo do CRAEGA ao longo deste tempo e enxalzouno coas cifras de facturación que avalan o labor importante da entidade. “No ano 1998, a facturación dos produtores ecolóxicos galegos apenas chegaba ós 20 millóns das antigas pesetas, pouco máis de 120.000 euros. A memoria do ano 2020, a última dispoñible na web oficial do CRAEGA, recollía unhas ventas certificadas que superaban os 108 millóns de euros. É dicir, un crecemento impresionante”.  Nese percorrido, “a provincia de Lugo camiñou sempre na vangarda, tanto na extensión dedicada ós cultivos, como na facturación obtida dos mesmos”. 

O mandatario provincial afirmou que Lugo é a provincia que lidera a día de hoxe a facturación ecolóxica en Galicia, con máis de 35 millóns de euros en vendas no ano 2020. Expuxo, con datos, que Lugo é a provincia que achega a metade de superficie ecolóxica de Galicia, contando con 16.854 hectáreas das 32.000 hectáreas da comunidade. Tamén explicou que “a provincia conta con case a metade das terras arables, co 75% dos pastos permanentes e co 70% dos cultivos permanentes, e somos tamén a provincia con maior número de operadores rexistrados, un total 369, dos cales: 218 dedícanse á produción animal e 151 á agricultura”. Referiu que estes datos son resultado do traballo do CRAEGA, “un activo  fundamental nesta evolución extraordinaria dun sector, que sigue medrando, e que ten cada vez máis demanda”.

Un valor engadido para o rural
“O labor do CRAEGA foi, e debe seguir sendo, un elemento clave no futuro do rural, porque aposta pola innovación; favorece a tan necesaria ordenación do territorio; e combina o desenvolvemento económico co coidado do medio ambiente”, dixo. Engadiu o mandatario provincial na súa intervención, que a produción ecolóxica “diversifica o noso sector primario e dálle un alto valor engadido, consolidándoo, desta forma, como un factor de desenvolvemento económico que contribúe a xerar emprego e a fixar poboación”.

José Tomé Roca mencionou que “innovación, ordenación do territorio, desenvolvemento sostible e impulso do sector primario” son aspectos fundamentais nos que tamén traballa a Deputación de Lugo porque resultan “clave para manter vivo o rural”, á vez que se destinan esforzos a achegar os servizos públicos á veciñanza que vive no rural da provincia. Con respecto a isto último, insistiu en que “recortar servizos é ferir de morte ao noso rural”, porque “calquera proxecto de emprendemento, por ben deseñado que estea o seu plan de negocio, non pode arraigarse alí onde non ten garantida a asistencia sanitaria, onde non hai escolas infantís para os cativos, ensino de calidade para os rapaces ou atención para as persoas maiores. Por moi bos que sexan os produtos, por moitos selos ecolóxicos que acumulen, non poderán competir no mercado se non chega internet á explotación, e se a telefonía móbil queda á marxe do 5G e das novas redes de alta velocidade”.

A Deputación, coa veciñanza
O Presidente da institución provincial detallou que os orzamentos da Deputación están configurados en base ás necesidades da veciñanza da provincia. “Dedicamos máis dun 20% do orzamento á cooperación cos concellos para que poidan dotar de máis e mellores servizos ós veciños e ás empresas, dende a autonomía municipal e a través dun reparto de fondos totalmente obxectivo. Dedicamos un terzo do Orzamento a mellorar a mobilidade nas estradas, tanto provinciais como municipais, porque as comunicacións son fundamentais para o tráfico de mercadorías e de servizos, pero tamén para a igualdade de oportunidades e para o equilibrio territorial. E dedicamos outro terzo dos Orzamentos ás Políticas Sociais. Nomeadamente, a despregar unha rede de centros públicos de atención a persoas maiores, que son xa un referente en España e en Europa”.

Con respecto á Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores, insistiu na idoneidade do modelo que teñen as residencias. “Son centros pequenos, situados no rural, que garanten unha asistencia de calidade para os usuarios e condicións dignas de traballo para os coidadores. Centros que favorecen o arraigo dos veciños e que crean emprego, sobre todo feminino, aplicando un modelo de economía circular baseado na compra preferente de produtos de proximidade”.