Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente da Deputación supervisa coa Secretaria de Estado de Transportes as obras do túnel de Oural

infraestruturas públicas
Este proxecto forma parte do conxunto de actuacións que está impulsando o Goberno de España cun investimento histórico, dun total de 546M€, para que Lugo se incorpore á Alta Velocidade coa modernización e a mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense

As obras do novo túnel, todo un reto de enxeñería e nas que chegaron a traballar máis de 500 persoas, comezaron en novembro do pasado ano e, segundo as previsións, estarán rematada dentro do vindeiro ano 2023

O mandatario provincial puxo en valor o “compromiso e traballo” do Goberno central, “que volveu a situar á provincia de Lugo no mapa das infraestruturas de Galicia e de España, despois de anos de total abandono por parte do PP”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou xunto coa Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, as obras de construción do novo túnel de Oural. Cun orzamento de adxudicación superior aos 50,7M€, este proxecto forma parte do conxunto de actuacións que está impulsando o Goberno de España cun investimento histórico, dun total de 546M€, para que Lugo se incorpore á Alta Velocidade coa modernización e a mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense.

Estas actuacións, segundo destacou o mandatario provincial, “concentran o maior investimento que está facendo o Executivo central en Galicia en materia de infraestruturas, e permitirán chegar a Madrid no mesmo tempo que A Coruña e que Vigo, un obxectivo realmente importante”.

A construcción do túnel de Oural, todo un reto de enxeñaría, ten unha dobre finalidade: mellorar o estado da infraestructura e aumentar a fiabilidade das liñas e a calidade do servizo. As obras, nas que chegaron a traballar máis de 500 persoas, comezaron en novembro do pasado ano e, segundo as previsións, estarán rematadas dentro do vindeiro ano 2023.

Na visita ás obras do túnel de Oural participou tamén o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente de Ineco, Sergio Vázquez Torrón, ademais de responsables e traballadores e traballadoras de Ineco, de Adif e da empresa Ferrovial, adxudicataria dos traballos.

O Presidente da Deputación agradeceu “o compromiso e o gran traballo de Isabel Pardo de Vera, antes como Presidenta do Adif e agora como Secretaria de Estado de Transportes, para que a provincia de Lugo recupere o protagonismo que merece e que necesita en materia ferroviaria para que poida ter futuro”. “Contar cun tren competitivo fará á provincia máis accesible e competitiva, e polo tanto, con maior capacidade de desenvolvemento social e económico”, asegurou José Tomé.

“O mesmo compromiso e traballo”, recalcou, “demostra o Goberno de España liderado polo Presidente Pedro Sánchez, que volveu a situar á provincia de Lugo no mapa das infraestruturas de Galicia e de España, despois de anos de total abandono por parte do Partido Popular”.

Un dobre esforzo
Desta forma, indicou, “o actual Goberno está facendo un dobre esforzo, pois non só ten que facer o que lle correspondente e facelo en tempos de crise, primeiro pola pandemia e agora pola guerra en Ucraína, senón que ten que recuperar o tempo perdido dos anos de Goberno de Rajoy”. Desta forma, o Presidente lembrou que “o propio Tribunal de Cuentas constatou que o PP paralizou os proxectos e investimentos ferroviarios en Galicia. Na provincia, por exemplo, o PP anulou o contrato da Estación Intermodal de Lugo e deixou caducar o Estudo de Impacto Ambiental da variante de Canabal, que xa estaba iniciada”.
Así mesmo, o mandatario provincial subliñou que o Goberno central presidido por Pedro Sánchez “cumpriu a súa palabra de traer o AVE a Galicia na maior brevidade posible e, dende logo, ese é o mellor aval para garantir que tamén seguirá cumprindo coas infraestruturas da provincia de Lugo, por ferrocarril e por estrada”. 

As obras
A nova infraestrutura terá 1,85 quilómetros de lonxitude e execútase paralela ao túnel existente, que se manterá como galería de emerxencia e disporá de espazo suficiente para albergar a catenaria, así como beirarrúa de emerxencia e galerías de evacuación, entre outros elementos.

A estrutura plantéxase cunha sección de 52m2 en vía única (ao igual que os tramos adxacentes), que se executa dende as dúas frontes de excavación para minimizar os prazos de execución. A montaxe da vía efectuarase en placa no interior do túnel e parte do exterior, con pasos biviais para o acceso de vehículos de emerxencia ou mantemento.

O túnel contará con liña área de contacto (catenaria), sistemas de sinalización e comunicación adaptados á nova solución proxectada, sistema de ventilación e sistemas de protección civil, así como instalación de telecomunicacións e dúas zonas de instalacións auxiliares (ZIA), unha en cada emboquille.

O proxecto inclúe a execución de tres galerías transversais de evacuación, cunha distancia máxima de 500 metros entre unha e outra. A sección da galería central será apta para vehículos, mentres que as laterais serán de tipo peonil.

A adecuación do túnel existente como galería de emerxencia implica a retirada de vía e balasto, a execución dunha soleira de formigón transitable, así como un tratamento de impermeabilización. O contrato contempla a execución dun paso superior e dous camiños de emerxencias, un por cada boca.

Esta actuación contribuirá á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 9 (Industria, Innovación e Infraestructura), que ten entre as súas metas o desenvolvemento de infraestructuras fiables, sostibles, resilientes e de calidade.

Melloras no treito Ourense-Monforte de Lemos-Lugo
As actuacións de mellora do tramo en servizo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo teñen como obxectivo cumprir os compromisos do Goberno coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto, en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe.

Os traballos inclúen a modernización e adecuación das instalacións existentes, así como a electrificación a 25Kv en corrente alterna do corredor, adaptando a electrificación existente no tramo Ourense-Monforte e dotando de catenaria e instalacións eléctricas ao tramo Monforte-Lugo.

A variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo, está xa en servizo dende abril de 2018. Entre os principais beneficios deste novo trazado, duns 7 quilómetros de lonxitude, destaca a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior traxecto, co conseguinte aumento da seguridade ferroviaria, vial e peonil, así como o incremento da velocidade de paso dos trens ata os 160 km/h.

Investimento ferroviario na provincia
O investimento real no ámbito ferroviario na provincia de Lugo subiu un 232% (176,74 M€) nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano 2022, pasando dos 76,16M€ nos presupostos do pasado exercicio aos 252,90M€ deste. Destacan: 15M€ para o corredor noroeste RAM Ferrol-Vegadeo; 5M€ para a Estación de Lugo; 15,5M€ para a renovación da liña Monforte-Lugo; 89M€ para os corredores TEN-T, na provincia de Lugo; e 122M€ para outras actuacións na Rede TEN-T, na provincia de Lugo.