Deputación de Lugo

O Presidente asiste á entrega do Premio Lois Peña Novo que recoñece o uso do galego do servizo xurídico da Deputación de Lugo

Lois Peña Novo
Asesoría Xurídica
José Tomé Roca acudiu no castelo de Soutomaior, Pontevedra, ao acto de entrega deste galardón á institución provincial “por unha iniciativa insólita e valente que está a impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública”

Recolleu o recoñecemento Valentín Lago González, xefe da Asesoría Xurídica da Deputación, nunha edición na que tamén se premiou á comunicadora da TVG Esther Estévez e ao presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este xoves á entrega do Premio Lois Peña Novo, que vén de recoñecer o uso do galego que fai a Asesoría Xurídica da institución provincial nas tarefas administrativas e legais que desenvolve. O acto tivo lugar no castelo de Soutomaior, na provincia de Pontevedra, e recolleu o recoñecemento en nome da Deputación, Valentín Lago González, xefe do servizo.

“É unha honra e tamén unha responsabilidade”, sinalou o mandatario provincial, “un estímulo para seguir apostando polo galego como lingua útil, precisa e digna en todos os ámbitos”. “O galego non está hoxe en igualdade de condicións, e incluso sofre un declive de uso, sobre todo entre a xente nova. E igual que desde as institucións deseñamos estratexias contra o reto demográfico, é a nosa obriga tamén artellar liñas de traballo para frear esta situación lingüística”, reflexionou.

Valorou Tomé Roca que “a nosa lingua e a nosa cultura son o capital máis importante que temos. Constitúen a nosa identidade como pobo, e non podemos baixar os brazos na súa defensa”.

O xurado do Lois Peña Novo salientou sobre a iniciativa da Asesoría Xurídica da Deputación que é "insólita e valente” por “impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública, unha aposta decidida pola lingua propia que se está a converter nun referente para outras administracións públicas, colexios profesionais e asociacións de letrados". Ademais, nesta edición tamén se premiou á comunicadora da TVG Esther Estévez e ao presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane.

Acto Lois Peña Novo