Deputación de Lugo
Turismo

Éxito de participación das rutas polo románico da provincia para conmemorar o Día da Transrománica

Día da Transrománica
transrománica
Máis de 320 persoas participaron nos 16 percorridos organizados pola institución provincial para festexar esta cita europea que percorreu o patrimonio da Ulloa, a Ribeira Sacra, A Mariña, o Xeoparque Montañas do Courel e a comarca de Lugo e a Terra Chá

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou a importancia destes itinerarios para “poñer en valor entre a propia veciñanza o patrimonio da provincia e favorecer o turismo de proximidade”, subliñou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, celebrou o éxito da segunda edición do programa organizado con motivo do Día da Transrománica. Máis de 320 persoas participaron nalgunha das 16 rutas impulsadas pola Deputación de Lugo durante as cinco xornadas que levaron aos interesados a coñecer o patrimonio da provincia. 

García Porto destacou a importancia desta cita que “busca poñer en valor entre a propia veciñanza o patrimonio da provincia e favorecer o turismo de proximidade, algo especialmente importante e necesario para facer fronte ó impacto da pandemia”. “Agardamos que os veciños e veciñas se convertan nos mellores embaixadores do noso patrimonio e especialmente, nesta ocasión, do románico”, destacou a Deputada.

Os participantes desta proposta coñeceron o románico nas Terras da Ulloa, dende Antas de Ulla a Palas de Rei e Monterroso; os concellos de Guntín, Meira, Sarria, Portomarín e Paradela e, na Ribeira Sacra, descubriron os recursos do románico de Chantada, Pantón, Taboada, O Saviñao, Sober e Monforte. Tamén se organizaron rutas no Xeoparque das Montañas do Courel e dúas na Mariña, en Foz e Viveiro. O mesmo día da Transrománica, o 9 de maio, organizouse unha visita á Catedral de Lugo e a Cidade Medieval, que permitiu coñecer os recunchos deste concello. 

Esta iniciativa, impulsada pola institución provincial, busca a consolidación dun turismo de calidade e sostible, apostando por actividades e accións que poñan en valor e coiden o patrimonio dos 67 concellos da provincia. Programas como o Actívate, así como propostas xa consolidadas como Coñece a túa Provincia permiten fomentar este modelo turismo.

A Ruta Transrománica

A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra.

As igrexas que inclúe a ruta son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.