Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación ratificou o apoio á Feira de Razas Autóctonas da Mariña

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
FEIRA DE RAZAS AUTÓCTONAS DA MARIÑA
RAZAS AUTÓCTONAS

A colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo e do Concello do Valadouro na organización da Feira de Razas Autóctonas da Mariña ratificouse cun convenio asinado pola deputada Mónica Freire e o tenente alcalde valadourés Eduardo Chao, que permitiu consignar unha axuda excepcional por importe de 10.000 euros para a celebración do evento, o pasado 5 de febreiro .

A deputada Mónica Freire destacou “o éxito de asistencia e participación durante toda a feira, tanto de gandeiros vencellados ao sector como de visitantes e turistas que se achegaron para coñecer esta cita festiva”. Salientou igualmente que “esta iniciativa da área de Medio Rural do Concello do Valadouro que impulsa esta cita gandeira, serviu para poñer en valor o sector e especialmente das criadoras e criadores que traballan pola conservación e recuperación das razas autóctonas en ganderías dimensionadas e adaptadas ao territorio no que se atopan”.

O tenente alcalde valadourés Eduardo Chao explicou que “O Valadouro mantén deste xeito unha importante actividade gandeira, e a cría de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas do concello situadas ao pé da Serra do Xistral. Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma a Feira de Razas Autóctonas Galegas que, agardamos, volva espertar o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral”.

A feira reuniu criadores chegados desde distintos puntos de Galiza e supuxo unha oportunidade para dar a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer. Contou coa colaboración de asociacións como Acruga, Asoporcel, Puraga ou a propia Federación de Razas Autóctonas (Boaga).