A Reserva da Biosfera Terras do Miño será imaxe do boleto da Lotería Nacional grazas á Deputación
Tomé Roca subliñou que “é un orgullo para nós que a Reserva da Biosfera Terras do Miño chegue a miles de persoas de toda España a través deste boleto. Esta é unha oportunidade única e excepcional para dar a coñecer a beleza deste territorio e a súa riqueza natural e paisaxística”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, veñen de presentar a imaxe que protagonizará o boleto do sorteo da Lotería Nacional do próximo xoves 23 de outubro. O décimo inclúe unha fotografía dun enclave paisaxístico da Reserva da Biosfera Terras do Miño concretamente, do Muíño da Ruxida situado no concello de Guitiriz.
Tomé Roca subliñou que “é un orgullo para nós que a Reserva da Biosfera Terras do Miño chegue a miles de persoas de toda España a través deste boleto. Esta é unha oportunidade única e excepcional para dar a coñecer a beleza deste territorio e a súa riqueza natural e paisaxística”.
O máximo representante da institución provincial recordou que “esta iniciativa demostra unha vez máis que desde a Deputación de Lugo realizamos un importante esforzo para potenciar e poñer en valor as Reservas da Biosfera xestionadas pola institución -Terras do Miño e Os Ancares Lucenses-.
Nesta liña, destacou proxectos como “a programación de actividades gratuítas que organizamos para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental; o Concurso de Fotografía co que poñemos en valor o seu patrimonio etnográfico; iniciativas de divulgación científica, apoio ao turismo sostible e ao desenvolvemento local, ou o mantemento de infraestruturas como o Centro de Interpretación Terras do Miño, entre outras moitas accións”. Así mesmo, recordou tamén que “as Reservas destacan tamén pola súa aposta polo ecoturismo, a educación ambiental, a innovación social, a loita contra o despoboamento rural e a protección da biodiversidade”.