Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colaborará na construción dunhas pistas multideportivas en Ribadeo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
Ribadeo
PISTAS MULTIDEPORTIVAS

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará na construción dun complexo deportivo en Ribadeo. A área de Deportes cofinanciará a creación das instalacións que contará con pistas para fútbol, baloncesto, voleibol ou skate, ademais de aparellos para exercizos e rutinas de calistenia.

Así se recolle no convenio asinado entre o deputado de Deportes, Efrén Castro, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, que coincidiron en sinalar a necesidade da colaboración institucional para levar a cabo un proxecto que ampliará a oferta de espazos públicos para a actividade deportiva e ao ocio, sobre todo para a poboación adolescente.

As pistas deportivas ubicaranse no núcleo urbano, nuns terreos de titularidade municipal ubicados entre a Avenida de Galiza, a rúa Pintor Fierros e a rúa Daniel Cortezón. 

Suárez Barcia explicou que "unha vez asinado o convenio,  ultimaremos o proxecto e iniciaremos os trámites de licitación das obras para que axiña vexa a nosa mocidade cumprido ese desexo do que tanto nos teñen demandado ao longo do tempo”.

As instalacións contarán cun investimento de 422.000 euros, cofinanciados pola vicepresidencia da Deputación de Lugo, que comprometeu  340.000 euros en dúas anualidades, e o Concello asume os 82.000 restantes.