Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente recoñece na entrega do Premio PEME do Ano “o labor de quen lidera proxectos valentes”

JOSÉ TOME
premios
PEMES
José Tomé Roca participou este xoves na novena edición deste recoñecemento que convoca a Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander e que distinguiu este 2025 á empresa Industrial Recense

“Desde a Deputación temos claro que apoiar ás pequenas e medianas empresas non é só un deber institucional: é unha aposta polo desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio”, subliñou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no acto de entrega do IX Premio Peme do Ano Lugo 2025, o galardón que pon en marcha a Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander. Nesta edición, a entidade galardoada con este recoñecemento foi Industrial Recense, unha empresa da Pontenova con máis de 70 anos de historia que se dedica a proveer ao sector da construción.  


No acto, que tivo lugar na oficina principal do Banco Santander de Lugo, o mandatario provincial felicitou aos galardoados e destacou que “é importante recoñecer hoxe o labor de quen lidera proxectos valentes”, sinalando ás empresas que apostan pola formación, a innovación, a sustentabilidade ou a internacionalización. Engadiu que das 22.000 compañías activas no territorio, a maioría son pequenas, “pero o seu impacto é enorme: sosteñen o emprego, a cohesión e o futuro da nosa provincia”.


“Desde a Deputación de Lugo temos claro que apoiar ás pemes non é só un deber institucional: é unha aposta polo desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio”, unha aposta que, segundo sinalou,a institución provincial traduce en feitos: “impulsando a formación, apoiando o emprendemento, favorecendo a modernización, promovendo a sustentabilidade e estando sempre ao lado das empresas”.


Ademais do Premio Peme do Ano, neste evento tamén se recoñeceu cun accésit o labor de catro entidades máis, Medrar Smart Solutions SL, na categoría de Dixitalización e Innovación; Pesquerías del buen viaje S.L., no apartado de Formación e Emprego; Transmedia Comunicaciones y Prensa SLU. en Internacionalización e Lácteos Lorán na categoría de Peme Sostible, galardón que entregou o máximo representante provincial. 


Participaron tamén neste acto o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.