Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación abre as inscricións ás actividades medioambientais vencelladas ao ocio saudable

ocio saudable
Centro de Interpretación Terras do Miño
Reserva Terras do Miño
Reserva da Biosfera
Dende este martes as persoas interesadas xa poden reservar a praza nunha destas propostas que pon en marcha a institución provincial a través da páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais

As actividades gratuítas levaranse a cabo dende este xoves, 16 de setembro, ata finais de decembro , principalmente no entorno natural da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Esta semana o programa comeza cunha conferencia sobre Macrofungos do noso medio e, a vindeira semana, continuará cun programa de Cores de Outono e a interpretación dos fungos no medio ambiente

A Deputación de Lugo pon en marcha, a través do Servizo de Medio Ambiente, unha nova programación que inclúe cinco actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable entre os veciños e as veciñas da provincia na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un territorio xestionado pola propia institución provincial. Estas propostas levaranse a cabo dende o este xoves, 16 de setembro, ata finais de ano e están pensadas para o público en xeral ou para o familiar.

As actividades levaranse a cabo no Centro de Interpretación Terras do Miño e as persoas interesadas xa poden inscribirse a través da páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. A primeira proposta será unha conferencia sobre os Macrofungos no noso medio, destinada a adultos. No mes de setembro tamén se levarán a cabo as actividades Cores de outono e a Interpretación dos fungos no medio ambiente do 20 ao 24 de setembro e o 25 de setembro, respectivamente. 

En outubro, do 18 ao 22, levarase a cabo O balcón comestible: horticultura en macetas. Novembro será o mes onde se leven a cabo a meirande parte das actividades, cun curso completo sobre O reino fungi na natureza, con parte teórica e práctica, ou a Iniciación e boas prácticas medioambientais na produción de mel, que se levará a cabo do 15 ao 26 en horario de mañá. 

As actividades continuarán o 20 de novembro coa Práctica de recoñecemento de macromicetos e un Obradoiro de Cestaría, do 29 de novembro ao 3 de decembro. O programa remata con dous talleres enfocados á tapicería, do 13 ao 17 de decembro, e á ecoloxía no Nadal, do 27 ao 30 de decembro. 

As iniciativas, debido ás actuais restricións sanitarias, contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas poden recibir máis información na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org
 

Cartel TM