Deputación de Lugo

O Presidente recibe en San Marcos aos participantes no I Congreso de Turismo de Embalses, que arranca mañá na Fonsagrada

JOSE TOMÉ
O Pazo de San Marcos
CONGRESO
Turembalses
José Tomé destacou que este foro reforza a aposta da Deputación “por un turismo sostible e innovador no medio rural, capaz de xerar emprego, cohesión territorial e novas oportunidades de desenvolvemento”

O Congreso será inaugurado mañá, ás 17:30 horas, no Salón dos Chaos, pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e o Alcalde da Fonsagrada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este mércores no Pazo de San Marcos aos representantes do I Congreso de Turismo de Embalses de España, entre eles o Presidente de FEMEMBALSES, Luis Fernando García Nicolás, a Secretaria Xeral da entidade, Maite BardajíLanau, e alcaldes e alcaldesas de concellos con encoros de toda España.

Tomé Roca deulles a benvida á provincia e mantivo unha reunión cos participantes do foro, no que se abordará entre mañá e o venres na Fonsagrada o aproveitamento das augas de interior como motor turístico, no marco do proxecto TUREMBALSES do que forma parte a institución provincial.“É un pracer dar a benvida á provincia de Lugo a este congreso pioneiro, que pon o foco nun recurso con enorme potencial turístico como son os encoros”, subliñou.

O Presidente subliñou ademais que a provincia aposta por un modelo de turismo sostible, equilibrado e desestacionalizado, que xere riqueza e emprego de calidade no conxunto do territorio. Afirmou que “estamos convencidos de que unha xestión intelixente do turismo é un motor de desenvolvemento para o rural, que contribúe á cohesión territorial e a frear as dinámicas demográficas negativas”. Así mesmo, lembrou que a oferta turística da provincia de Lugo “sempre estivo vinculada á auga: a costa da Mariña, os ríos, lagos e encoros, as illas fluviais do Miño ou o éxito das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra”. 

“Buscamos un turismo que combine patrimonio cultural, histórico e natural; adaptado a diferentes perfís de visitantes e accesible a todos os orzamentos. Apostamos pola calidade porque queremos que quen nos visita queira volver”, engadiu o mandatario provincial.

Durante o encontro, o mandatario provincial entregou aos participantes folletos de promoción turística da provincia e un paraugas institucional.

A Fonsagrada, escenario do foro

O I Congreso de Turismo de Embalses arrincará mañá ás 17:30 horas na Fonsagrada coa inauguración a cargo da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Alcalde e Deputado provincial, Carlos López López, e a Subdirectora Xeral de Desenvolvementoe Sostenibilidade Turística da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España, Ilona Shekyants Kazaryan. 

O encontro reunirá a expertos, institucións, empresas e entidades sociais para poñer en valor os encoros como recursos estratéxicos para un turismo sostible, innovador e competitivo no medio rural. Na cita, abordaranse cuestións clave como a potencialidade do turismo de embalses, gobernanza e xestión sostible dos encoros como recurso turís-tico, dixitalización e calidade da oferta, oportunidades de negocio e cooperación entre territorios, e retos e oportunidades.

O proxecto TUREMBALSES está impulsado polas Deputacións de Cáceres, Lugo e Badajoz, FEMEMBALSES, a ADI Sierra Oeste de Madrid, a Mancomunidade Valle Norte do Lozoya e a Asociación Navarra Tierras de Iranzu, co obxectivo de posicionar as augas de interior como destinos turísticos sostibles e motores de desenvolvemento rural en España. Da Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Embalses (FEMEMBALSES) hai 530 asociados de toda España. Na provincia de Lugo están integrados 12 concellos, que son: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, O Páramo, O Saviñao, Guntín e Taboada.