Deputación de Lugo

A Deputación apuntala unha parte da fachada da Casa da Botica tras sufrir un derrubamento parcial este domingo

Casa da Botica
Guitiriz
Técnicos da institución provincial e a empresa adxudicataria da construción do centro de maiores traballan xa dende primeira hora para reforzar e consolidar a estrutura, presumiblemente afectada polo forte temporal de vento destes días

A Deputación solicitou hoxe mesmo informes á dirección de obra, á dirección de execución e á empresa encargada das obras para determinar as causas do derrubamento e adoptar todas as medidas necesarias para continuar os traballos con seguridade

A Deputación de Lugo mobilizou a primeira hora da mañá deste domingo a técnicos da institución provincial e á empresa adxudicataria das obras do centro de atención a maiores de Guitiriz co fin de executar os traballos precisos para apuntalar, reforzar e consolidar unha parte da fachada da Casa da Botica logo de sufrir hoxe un derrubamento parcial.

A caída do muro aconteceu no alzado dereito da fachada principal e puido deberse presumiblemente ao forte temporal de vento destes días, que puido facer efecto vela e empurrar a estrutura, provocando o seu desprendemento e derrubo.

A institución provincial solicitou hoxe mesmo informes de avaliación do acontecido á dirección da obra, á dirección de execución e á empresa encargada da construción da residencia, co obxectivo de determinar as causas que provocaron este derrubamento parcial e adoptar todas as medidas necesarias que permitan continuar as obras con seguridade.