A Deputación pon en valor o seu compromiso co desenvolvemento sostible na inauguración do curso Castiñeiro e cambio climático da USC

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este martes no edificio Impulso Verde de Lugo na inauguración do Curso de Verán do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela Castiñeiro e cambio climático. Esta formación, que se desenvolverá en tres sesións do 8 ao 10 de xullo, abordará coñecementos específicos sobre os efectos que provoca o cambio climático nesta árbore, así como as estratexias que se deben levar a cabo para a súa conservación e mitigación. Ao acto de apertura tamén asistiu a Concelleira de Cohesión Social do Concello de Lugo, Olga López Racamonde, e o Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, entre outras autoridades.
Carlos López recordou que desde a institución provincial “promovemos proxectos que teñen como obxectivo a súa protección. Unha desas iniciativas foi a que desenvolvemos no marco da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses orientada á recuperación, conservación e aproveitamento sostible dos soutos tradicionais deste espazo. Un proxecto que realizamos en colaboración coa cooperativa A Carqueixa e co tecido veciñal local”.