O Goberno da Deputación pon a Sito Torres e Miguel Granero como exemplo do talento lucense ante o alumnado do SdeA
- López Izquierdo subliñou que “Álbum de Viaxe, co que colaborou a antiga Fundación TIC, é unha proba de que en Lugo se poden facer grandes proxectos audiovisuais”
- Os Encontros Mestre Mateo organizados pola Academia do Audiovisual Galego dan a oportunidade ao alumando do SdeA de manter un contacto directo cos mellores profesionais de Galicia
Os alumnos do Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación mantiveron este xoves unha xuntanza cos realizadores Sito Torres e Miguel Granero, dentro dos Encontros Mestre Mateo, que organiza a Academia do Audiovisual Galego. Os lucenses Torres e Granero alzáronse co premio á mellor realización por Álbum de viaxe, ao que tamén optaban Isabel Blanco, por Pasaporte Galego, José Villaverde por Land Rober Tunai Show e Xabier Eirís por Imos indo.
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, destacou “a importancia que teñen estes encontros para que o noso alumnado, os futuros realizadores e produtores, manteñan un contacto directo cos mellores profesionais do audiovisual de Galicia e coñezan de primeira man a súa traxectoria e as súas experiencias”.
Orgullosos do talento lucense
López Izquierdo subliñou o triunfo de Sito Torres, ex alumno da TIC, e Miguel Granero con Álbum de viaxe, “un proxecto eminentemente lucense, xa que os dous son de Lugo, como tamén o é a súa presentadora, Melania Cruz e as almas mater do programa, Alberte Cabarcos e Estela Freire. A isto hai que sumarlle a colaboración da antiga Fundación TIC na produción do programa piloto que se gravou na Deputación e a participación dunha das nosas bolseiras na montaxe de toda a serie. Polo tanto, unha concentración de talento lucense da que nos sentimos moi orgullosos”.
Sito Torres, ex alumno da Escola de Imaxe e Son
A Deputada destacou a presenza de Sito Torres, que foi alumno de Realización da antiga Escola de Imaxe e Son, o actual Centro de Formación Audiovisual do SdeA. “É, por tanto, o mellor exemplo para os actuais estudantes de que con talento, traballo e perseveranza poden aspirar a calquera obxectivo que se propoñan, tamén desde Lugo. É sen dúbida, un bo espello no que se poden mirar os rapaces e rapazas lucenses que queiran traballar no mundo audiovisual”.
Con respecto a Miguel Granero subliñou que ten unha produtora en Lugo, Granero Vídeo, “na que se levan formado varios bolseiros da nosa escola. Como ben dixo cando recolleu o Mestre Mateo, as pequenas produtoras teñen moito que dicir porque son as que están máis preto da xente e da realidade. E aí temos esta produtora de Lugo para demostralo”.