As empresas lucenses reciben formación en ciberseguridade coa axuda da CEL e da Deputación
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na xornada informativa Ciberseguridade. O reto de protexer a túa empresa, que busca axudar aos empresarios lucenses a entender os riscos aos que se enfrontan no ámbito dixital. Organizou a cita a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da institución provincial na súa sede da Praza de Santo Domingo.
“As tecnoloxías da información cambiaron profundamente a forma en que xestionamos os nosos negocios, relacionámonos cos nosos clientes e colaboramos con outros profesionais. Esta evolución trouxo sen dúbida enormes vantaxes, pero tamén abriu a porta a novas ameazas e novos riscos. A ciberdelincuencia xa non é unha ameaza afastada: é un problema real, presente, e que afecta cada vez máis a pequenas e medianas empresas”, argumentou o Deputado, que enmarcou a colaboración da Deputación coa xornada no compromiso do Goberno provincial coa ciberseguridade.
Na apertura desta xornada participaron xunto ao Deputado o Secretario Xeral da CEL, Jaime López, e o Comisario Xefe da Comisaría provincial da Policía Nacional, Luís Miguel Romero. A cita conta con expertos na Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional; empresas especializadas en seguridade dixital e responsables de empresas punteiras en Lugo que analizarán como xestionan a ciberseguridade nas súas organizacións.