Deputación de Lugo

Carmela López celebra que a Feira do Bonito cumpra 40 edicións como unha das grandes citas da gastronomía mariñeira

feira do bonito
Burela
carmela lópez
A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela inaugurou este sábado esta cita declarada como Festa de Interese Turístico Nacional que se celebra durante esta fin de semana no municipio burelés

“Este evento converte Burela e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”, avanzou a mandataria provincial

A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, inaugurou este sábado a XL edición da Feira do Bonito, unha cita declarada como Festa de Interese Turístico nacional que se está a celebrar neste municipio mariñán ao longo desta fin de semana. A este evento, organizado pola Sociedade Cultural, Recreativa e Musical Ledicia, tamén asistiu o Deputado de Medio Rural, Daniel García, membros da corporación municipal de Burela, e representantes da Confraría de Pescadores deste municipio, entre outras autoridades. 

Durante a súa intervención, Carmela López puxo en valor a traxectoria da Feira do Bonito, que este ano alcanza a súa XL edición, e destacou o seu papel na promoción do sector pesqueiro e da identidade mariñeira da comarca. “Este evento converte Burela e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira. Cumprir 40 edicións é a mellor demostración de que estamos ante unha cita consolidada, que soubo medrar sen perder a súa esencia e que hoxe é un orgullo para todos nós”

“Aquí recoñécese o traballo da nosa xente do mar, reivindícase un produto de máxima calidade como o bonito e xérase actividade económica para o comercio, a hostalaría e o conxunto do municipio”, sinalou a mandataria provincial. 

O acto comezou co izado da bandeira azul no Barco Reina del Carmen e, a continuación, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carteis. Posteriormente, entregáronse os recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Idara López e a José Ramón Martínez. Acto seguido, procedeuse á lectura do pregón, a cargo da instagramer Paula Jorge Horta e despois iniciouse a degustación, que se prolongou durante toda a tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará con diferentes actuacións musicais.

A programación iniciarase o domingo con actividades infantís e, ás 13:30 horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de filloa de Muimenta con recheo de bonito e ración de marmitako.