Deputación de Lugo

Carmela López inaugura a XXIV edición de Produart “estes días Burela convértese no mellor escaparate que ten esta comarca”

Burela
carmela lópez

A Presidenta da Deputación e Alcaldesa de Burela participou na apertura desta cita que conta coa colaboración da institución provincial a través do seu apoio á Fundación Expomar, entidade que organiza o evento que se celebrará durante a fin de semana

Este venres tamén se presentou o XII Festival Osa do Mar que se celebrará en Burela do 3 ao 6 de setembro. O cartel combina artistas consolidados e novas promesas da escena estatal e galega

A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, participou este venres na Nave de Redes deste municipio na inauguración da vixésimo cuarta edición da Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart. Esta cita conta co apoio da institución provincial a través da colaboración que mantén coa Fundación Expomar. A este acto de apertura tamén asistiu o Xerente desta entidade, José Manuel González, e alcaldes da comarca mariñá, entre outras autoridades.

“Produart naceu para poñer en valor o que aquí sabemos facer ben: o oficio das nosas artesás e artesáns, o traballo das produtoras e produtores ecolóxicos, o que dá o mar e o que dá a terra. Vinte e catro anos despois, a feira segue medrando, e iso non pasa por casualidade: pasa porque hai xente detrás que se deixa a pel para que isto saia adiante ano tras ano” avanzou Carmela López.

A mandataria provincial recordou tamén que esta cita celébrase paralelamente á Feira do Bonito “porque é o retrato exacto de quen somos: xente de mar, xente traballadora, que sabe tamén darlle valor ao que produce a súa terra con paciencia e con oficio. Estes días, Burela convértese no mellor escaparate que ten esta comarca”.

Así mesmo, sinalou que este tipo de iniciativas “son as que sosteñen de verdade os nosos concellos. Dan traballo, dan visibilidade, traen xente á comarca e axudan a que oficios coma a artesanía ou a produción ecolóxica teñan futuro. E dende o Concello e dende Expomar, o compromiso é o mesmo de sempre: coidar esta feira e facela medrar sen perder o que a fixo especial”.

Presentación do XII Festival Osa do Mar

Tras a inauguración de Produart, tivo lugar a presentación oficial da XII edición do Festival Osa do Mar, a cita musical que se celebrará en Burela do 3 ao 6 de setembro. O cartel combina artistas consolidados e novas promesas da escena estatal e galega, con nomes como Depedro, Anxo Ferreira, Éxtasis, Fillas de Casandra, Grande Osso, The Rapants, ou Ortiga, entre outros.

Carmela López destacou que “o Osa do Mar é xa unha cita consolidada no noso calendario” e aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo da Asociación Cultural Fanto Fantini, organizadora do festival “polo esforzo e a dedicación que cada ano fan posible un evento coma este que contribúe a dinamizar Burela, atraer visitantes e impulsar a música en directo”.