A Deputación mobiliza preto de 700.000€ para mellorar nove estradas provinciais da Mariña
Luz verde a un convenio de colaboración co concello da Fonsagrada por 250.000€ que servirá para apoiar a prestación de servizos públicos e impulsar actividades culturais, deportivas e de promoción turística
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento para continuar mellorando a mobilidade da provincia por un importe conxunto de case 700.000€ que afecta a nove estradas da comarca mariñá. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión celebrada esta mañá.
Nese sentido, García Porto destacou que no concello do Valadouro a Deputación licitou un proxecto por 256.862,35€ para mellorar a totalidade da estrada provincial LU-P-6305. Trátase da vía que conecta a LU-P-0101, á altura da Capela de Santa Filomena do Cadramón, co reemisor de RTVE desta mesma parroquia. As obras que se van realizar nesta estrada, que conta cunha lonxitude de case 6 quilómetros, consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación e renovación da sinalización vertical. O proxecto para reparar esta vía conta cun prazo de execución de 4 meses.
A Xunta de Goberno deste venres adxudicou outros dous proxectos para mellorar vías que vertebran os concellos de Ribadeo e Foz:
- En Ribadeo, a empresa Desarrollos y Metas SL será a encargada de executar as obras de reparación da LU-P-5204, que vai de Cedofeita a Regocorto por Arante. O prezo de adxudicación é de 193.963€, un investimento co que se actuará nun treito de algo máis de 3 quilómetros concretamente, o que vai dende o quilómetro 3,600 ao 6,770. As obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses, consistirán na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal.
- Finalmente, en Foz, a Deputación adxudicou a Ovisa Pavimentos y Obras SLU por un importe de 247.396,60€ un proxecto que inclúe varias actuacións en sete estradas provinciais da costa de Foz que conectan núcleos costeiros, zonas residenciais e accesos a praias como Llas ou Arealonga. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade nunha das zonas con maior afluencia afluencia turística da Mariña. Concretamente, as obras afectarán as vías provincias LU-P-2001, LU-P-2002, LU-P-2006, LU-P-2007, LU-P-2009, LU-P-2011 e LU-P-2013.
Os traballos consistirán na limpeza de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal. Ademais, o proxecto inclúe a ampliación da beirarrúa na rúa Eduardo Pondal, para mellorar a seguridade peonil na contorna do centro escolar.
Pilar García Porto puxo en valor a importancia destes arranxos “que permitirán mellorar unhas vías consideradas fundamentais na mobilidade deste municipio mariñán e para o acceso ás zonas turísticas do litoral focense”.
Convenio con A Fonsagrada
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a un acordo de colaboración co Concello da Fonsagrada por un importe de 250.000€ “co que colaboraremos en diversas actuacións dirixidas a reforzar a prestación de servizos públicos e a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio”.
“Falamos, por exemplo, da adquisición de materiais para o mantemento das vías e dos equipamentos municipais, fundamentais nun concello cunha ampla dispersión territorial e cun elevado número de núcleos de poboación. Ademais, este apoio permitirá impulsar actividades culturais, deportivas e de promoción turística. Iniciativas que contribúen a dinamizar a vida social e económica da Fonsagrada e a ofrecer máis oportunidades de lecer e participación á veciñanza” recordou.