Deputación de Lugo

A Deputación participa na entrega de premios do Campionato de España de Barco Dragón que impulsa como principal colaboradora

Barco Dragón
Lugo
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento asistiu á primeira xornada desta cita que se está a celebrar durante a fin de semana en Lugo e que conta cunha achega económica da institución provincial de 25.000€

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado na entrega de premios da primeira xornada do Campionato de España de Barco Dragón 200 metros. O evento deportivo está a celebrarse durante esta fin de semana na área recreativa dos Robles, en Lugo, e están a participar case 800 palistas, 171 embarcacións e 29 clubs chegados de diferentes puntos do país. A institución provincial é a principal administración colaboradora cunha achega económica de 25.000€. 

Miguel Fernández recordou que “é un orgullo para Lugo que o río Miño sexa o escenario dunha competición oficial de ámbito nacional coma esta” e fixo especial fincapé no impulso que realiza a institución provincial deste evento. “Somos plenamente conscientes de que o deporte é fundamental para a vida das persoas, fomenta hábitos saudables, promove a igualdade e contribúe ao desenvolvemento da nosa provincia” detallou. 

O Campionato de España de Barco Dragón 200 metros inclúe un total de 15 probas deportivas e as categorías feminina, masculina, mixta, veterana e Paradragón, que integra a participación de mulleres que superaron un cancro de mama. O evento continuará o domingo a partir das 09:00 horas.