O Festival do Viño da Ribeira Sacra converte Monforte no gran escaparate do enoturismo esta fin de semana
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este venres na inauguración do 8º Festival do viño da Ribeira Sacra, un acto que reuniu a centos de persoas no Paseo do Malecón de Monforte de Lemos. A Presidenta, acompañada de deputados e deputadas provinciais, destacou "o potencial turístico e cultural do mundo do viño" e puxo en valor este certame, consolidado como unha das principais citas de promoción do viño, da gastronomía e do territorio da Ribeira Sacra como destino enoturístico de referencia. Tras o acto inaugural, a mandataria provincial percorreu o recinto feiral e saudou aos representantes das 27 adegas participantes e das diferentes propostas gastronómicas presentes nesta edición.
Carmela López destacou tamén a importancia de seguir impulsando iniciativas que contribúen a dinamizar a economía local, apoiar o sector vitivinícola e promover os recursos turísticos da provincia, “favorecendo a chegada de visitantes e xerando oportunidades para o conxunto do territorio”.