Deputación de Lugo

A Deputación activa 1,5M€ en mobilidade para renovar 8 estradas e modernizar o Parque Móbil

Parque móbil
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
A Xunta de Goberno aprobou este venres diferentes actuacións en vías provinciais ao seu paso por Xermade e Paradela por máis de medio millón de euros e adxudicou tamén obras en Taboada, Palas de Rei, Friol e Chantada por outros 814.000€

Licitada ademais unha nova escavadora de cadeas de goma por preto de 160.000€ que é especialmente útil na limpeza de cunetas e que permitirá dar unha resposta máis áxil e eficaz ás necesidades dos concellos en materia de infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres un novo impulso á mobilidade da provincia coa activación de preto de 1,5M€ destinados á renovación de oito estradas provinciais e á modernización da maquinaria do Parque Móbil. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal.

“Seguimos avanzando no noso compromiso coa mellora das comunicacións, a seguridade viaria e os servizos públicos nos concellos da provincia, con un investimento que permitirá actuar en máis de 13 quilómetros de estradas e tamén  reforzar os medios cos que prestamos servizo”, valorou García Porto.

Avanzou nese sentido que a Xunta de Goberno licitou dous proxectos por un importe conxunto que supera o medio millón de euros.

En Xermade, a Deputación investirá 249.399,56€ para mellorar diferentes tramos de catro estradas provinciais que conflúen no núcleo urbano da capitalidade municipal e que servirá “para darlle unha volta moi importante á mobilidade na capitalidade do municipio”: a LU-P-2201 e o seu ramal, a LU-P-2203, a LU-P-2205 e a LU-P-2213. 

Os traballos consistirán na mellora da drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización.

A institución provincial destinará 287.702,17€ en Paradela á rehabilitación de catro quilómetros da estrada LU-P-4201, que comunica Pacios con Mosteirovello. Concretamente o proxecto afectará ao treito entre os puntos quilométricos 4,17 e 8. Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, a renovación do firme con aglomerado en quente e a reposición da sinalización. Ademais, executarase un paso elevado á altura do CEIP de San Miguel para reforzar a seguridade do tráfico nun punto especialmente sensible pola presenza de escolares. Nese sentido, García Porto recordou que “con esta actuación damos resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas da zona”.

O prazo de execución previsto para ambas actuacións é de catro meses.

Adxudicadas obras en estradas de Taboada, Palas de Rei, Friol e Chantada

A Xunta de Goberno adxudicou ademais tres proxectos de mellora da rede provincial cun investimento total de 814.108 euros. Concretamente, no concello de Taboada, a empresa Construciones Leonardo Miguélez executará por 296.526,23€ a rehabilitación dos primeiros 6,1 quilómetros da LU-P-6001 que conecta a capitalidade municipal con Mundín por Ada. Ademais das melloras na drenaxe, pavimentación e sinalización, construirase un muro de escollera para estabilizar un tramo da vía.

Entre Palas de Rei e Friol, a empresa Cholo SL será a encargada de acometer a rehabilitación de varios tramos da LU-P-4004 por 269.761,86€. A actuación afectará aos treitos ao inicio e ao final da vía, comprendidos entre os puntos quilométricos 1,3 e 3,1; 3,7 e 5,5; e 9,8 e 10,2. Esta estrada presta servizo a explotacións gandeiras, establecementos de turismo rural e distintos núcleos de poboación da zona.

Por último, en Chantada, Explotaciones Gallegas SL executará por 247.820€ a rehabilitación integral dos máis de 3,7 quilómetros da LU-P-1819, unha vía moi demandada pola veciñanza que conecta as parroquias de Quinzán das Peras e Mundín e dá servizo a entidades de poboación como Ferreiros, Nande ou Amorín.

Nos tres casos, as obras consistirán fundamentalmente na mellora da drenaxe, a renovación do firme mediante aglomerado en quente e a reposición da sinalización, cun prazo de execución de catro meses.

Nova maquinaria para o Parque Móbil

Licitada tamén unha escavadora de cadeas de goma por un importe de 159.720€. Unha máquina que permitirá reforzar os traballos que realiza o Parque Móbil en toda a provincia, especialmente actuacións de escavación, movemento de terras, conservación de camiños e infraestruturas e limpeza de cunetas.

Con esta adquisición, “a institución provincial continúa avanzando na modernización dos seus medios materiais para ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades dos concellos e garantir un mellor mantemento das infraestruturas públicas”.