Deputación de Lugo

A Deputación achega 50.000€ ao Arde Lucus e consolídase como principal institución colaboradora

arde lucus
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno vén de aprobar o convenio de colaboración co Concello de Lugo para contribuír un ano máis ao financiamento da edición 2026 desta celebración romano-castrexa, “un dos sinais de identidade da cidade e da provincia”

A institución provincial deu tamén luz verde a novos acordos de cooperación cos concellos de Trabada e Ourol por 365.000€ e dúas contratacións por 100.000€ para  avanzar na transformación dixital e apoiar a promoción económica

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o convenio de colaboración co Concello de Lugo para contribuír ao financiamento do Arde Lucus 2026 cunha achega de 50.000€. Un acordo que reafirma o compromiso da institución provincial cun dos eventos culturais, turísticos e económicos máis importantes de Galicia.

A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que a institución provincial continúa sendo “tamén este ano, a principal institución colaboradora desta festa romano-castrexa”, consolidando unha colaboración que se mantén desde os inicios e que xa é un dos principais sinais de identidade da cidade e da provincia.

“O Arde Lucus é un acontecemento que atrae miles de visitantes, dinamiza a actividade económica, impulsa o comercio, a hostalaría e os servizos e proxecta a imaxe de Lugo dentro e fóra das nosas fronteiras”, subliñou.

A achega principal contribuirá ao desenvolvemento de diferentes accións vinculadas á celebración, entre elas á mellora da ambientación da cidade, á programación de actividades singulares como o Circo Romano, ou á instalación de Puntos Violeta, reforzando tamén a dimensión social e sensibilización deste evento.

Declarado Festa de Interese Turístico Internacional, o Arde Lucus consolidouse como unha das grandes referencias da recreación histórica en España e como unha das mellores cartas de presentación na provincia de Lugo.

Apoio aos concellos de Trabada e Ourol

No marco da política de cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou tamén dous novos convenios cos concellos de Trabada e Ourol para financiar actuacións que repercutirán directamente na calidade de vida da veciñanza.

No caso de Trabada, a Deputación investirá máis de 97.000€ na mellora das instalacións deportivas do complexo deportivo municipal e na construción e urbanización exterior dun local multiusos.

As actuacións inclúen a renovación integral da pista de pádel, coa substitución dos elementos deteriorados e o seu traslado a unha nova localización dentro do recinto para optimizar a distribución dos espazos. Ademais, instalaranse redes de protección na pista multideporte para incrementar a seguridade dos usuarios e adaptar as instalacións ás novas actuacións previstas na contorna.

Por outra banda, a institución provincial aprobou un convenio co Concello de Ourol por importe superior aos 268.000€ para mellorar a sinalización e os accesos aos núcleos das Laxes, A Rega, Cadavosa, O Vilar e Requián, así como para rehabilitar o lavadoiro de Labrada, na parroquia de Bravos.

Trátase de actuacións destinadas a reforzar a seguridade viaria, a mobilidade e os servizos públicos municipais, ao tempo que contribúen á conservación do patrimonio tradicional do municipio.

Modernización tecnolóxica e apoio ao sector agroalimentario

A Xunta de Goberno aprobou ademais dúas contratacións que suman preto de 100.000€. Por unha banda, a Deputación adxudicou por 74.448,89€ a BL España Software SLU o mantemento da aplicación informática que sustenta a xestión tributaria, recadatoria e de inspección da institución provincial e dos concellos aos que presta asistencia.

Finalmente, deu luz verde para adxudicar á firma Alenti, por importe de 25.395€, a organización dunha feira agroalimentaria e dunha xornada técnica no marco do proxecto europeo AgroSocial, unha iniciativa orientada á promoción dos mercados municipais e dos produtores locais e ao fortalecemento dun sector estratéxico para a economía provincial.