Deputación de Lugo

Carmela López: “a VI Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña reunirá en Cervantes o mellor da nosa tradición gandeira”

Cervantes
A Presidenta da Deputación de Lugo, o Alcalde do municipio e os membros da Asociación Territorio Verde presentaron este luns no Pazo de San Marcos a cita que terá lugar o sábado 9 de maio e que conta co apoio da institución provincial

A programación, que comezará a primeira hora da mañá coa recepción do gando, inclúe actuacións musicais, unha poxa de novelas de ACRUGA e un concurso de vacas asturianas e rubia galega

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, o Tenente de Alcalde, Miguel González Vilela, e a Presidenta da Asociación Territorio Verde, Sonia Rodríguez Gómez, presentaron este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a sexta Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña. A cita, que se celebrará este sábado -9 de maio- en San Román de Cervantes, conta cunha achega da institución provincial de 6.000€. 

A mandataria provincial destacou que “é un pracer presentar unha nova edición desta feira que reunirá neste municipio o mellor da nosa tradición gandeira e do noso rural”. Puxo en valor o “traballo que fan os gandeiros e gandeiras da Montaña. Un traballo duro e ben organizado que temos que apoiar, porque para que ese esforzo teña futuro, fan falta servizos e políticas útiles, das que permiten vivir, emprender e quedar no territorio”. 

Nesta liña, destacou que “ese é o noso compromiso desde a Deputación: estar ao lado da xente que aposta pola Montaña e apoiar iniciativas coma esta, que dan vida á provincia. E ao final, esta feira tamén recupera algo moi noso, esas feiras de antes: o encontro, o trato directo… mesmo a poxa de gando, que forma parte da nosa tradición e que na nosa provincia seguen a estar moi vivas”. Carmela López rematou a súa intervención convidando a toda a provincia a achegarse este sábado a Cervantes “a vivir a feira e a apoiar o noso rural”.

Programa da feira

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. O programa de actividades desta sexta edición, no que tamén se inclúe un concurso de vacas asturianas e de rubia galega, é o seguinte: 

  • 08:00h: Recepción de gando e recollida de credenciais.
  • 10:00h: Votación do xurado segundo as categorías a premiar.
  • 11:00h: Animación a cargo dos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros.
  • 12:00h: Poxa de novelas de ACRUGA.
  • 13:30h: Entrega de premios.
  • 16:30h: Música con Tania e o seu acordeón.
  • 19:00h: Sorteo de 500 puntos.
  • 20:30h: Peche da feira