A Garda Real preséntalle á Presidenta da Deputación o operativo que desenvolve estes días na provincia
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reuniuse este xoves no despacho presidencial do Pazo de San Marcos co Tenente Coronel Hugo O'Donell Armafa e co Comandante Marcos Iglesias Vázquez para coñecer de primeira man o amplo operativo que a Garda Real está a desenvolver esta semana na provincia.
Durante o encontro, os responsables do corpo trasladáronlle os detalles deste exercicio táctico no que participan todas as unidades da Garda Real e que mobiliza máis de 500 efectivos, ademais de vehículos, motocicletas, cabalos e cans, nun operativo de gran dimensión que combina tarefas de adestramento con actividades abertas á cidadanía en todas as comarcas.
A Presidenta destacou a relevancia de que a provincia de Lugo acolla un despregamento destas características, que permite achegar á veciñanza o traballo e as capacidades da Garda Real a través de exhibicións, concertos e actos públicos programados ao longo da semana en distintos puntos da provincia.
O programa concluirá este domingo cunha xura de bandeira no parque Rosalía de Castro.