Cultura
Deputación de Lugo

Seceda celebra o 25 de abril a cuarta edición da xornada da Carballesa

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
música tradicional
CARBALLESA
O COUREL
ASOCIACIÓN GAITEIROS GALEGOS
A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización da xornada, que preserva a muiñeira característica desta zona do Courel

 A Asociación de Gaiteiros Galegos, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel organizan a cuarta edición das xornadas sobre a Carballesa o 25 de abril en Seceda. Unha iniciativa para preservar esta muiñeira característica da zona oeste do Concello de Folgoso  do Courel – nas parroquias de Eiriz, do Carballal e de Seceda – e do veciño Val do Incio.

A xornada combina formación sobre esa forma de tocar e bailar e homenaxe ás persoas que a preservaron e a recolleron para chegar ata os nosos días. Así, o programa prevista inclúe obradoiros teórico - prácticos sobre a Carballesa, un de baile, que impartirán Julia Mª Pozo Méndez e Chema Cebeiro Fernández, e un de gaita , que impartirá Oscar Vázquez Darriba, unha homenaxe aos brindos e aos brindadores coa colaboración de Branca Villares quen guiará e impartirá o “Obradoiro o Brindo: recursos, melodías e narrativas na tradición oral no Courel”.

Tamén haberá un filandón aberto para todos os e as asistentes a cargo do grupo de teatro Milrosas de Lóuzara Samos, e seguidamente iniciarase o baile cos grupos das escolas de música tradicional dos concellos de O Incio, O Courel e A Pobra de Brollón. O día rematará co concerto a cargo de grupo Galega de Bailables.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que "o apoio ao organización desta xornada amplía a colaboración que mantemos coa propia Asociación de Gaiteras e Gaiteiros Galegos e con decenas de grupos e colectivos de música e baile tradicional a través de programacións como o Tradigalu para promover e difundir a nosa música" e destacou "a carballesa é unha mostra da variedade e riqueza desta forma de expresión popular ao longo da xeografía do país"

A actividade conta tamén coa colaboración de Lar da cima - aloxamentos turísticos, Carmen Álvarez - pintora plástica, Supermercado Cal “Boter” e mel artesán de montaña O Galeirón.