O grupo de gaitas Dambara de Burela representará á provincia no desfile de San Patricio de Madrid co patrocinio da Deputación
“Esta é unha cita de gran proxección nacional e internacional, que reunirá a unhas 250.000 persoas, o que supón unha oportunidade única para dar a coñecer o talento e a riqueza cultural que temos na provincia de Lugo”, avanzou Carmela López
O grupo de gaitas da Asociación Cultural e Musical Dambara de Burela será o embaixador da provincia de Lugo no desfile de San Patricio, en Madrid, grazas ao patrocinio da institución provincial. Este pasarrúas de música celta, que se celebrará pola Gran Vía, é o máis importante de España, pois reunirá a 1.600 músicos e 27 bandas de gaitas chegados de diferentes puntos nacionais e internacionais. A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto á concelleira Patricia Eijo Palmeiro, presenciou un dos ensaios previos ao evento do grupo mariñán que, ademais, portará unha bandeira da institución provincial durante o percorrido.
Carmela López destacou que “é un orgullo para nós que o nome da nosa provincia chegue ata Madrid a través da música e da tradición galega. Esta é unha cita de gran proxección nacional e internacional que reunirá a unhas 250.000 persoas, o que supón unha oportunidade única para dar a coñecer o talento e a riqueza cultural que temos na provincia de Lugo”.
Nesta liña, a mandataria provincial tamén fixo referencia á traxectoria desta entidade “que leva case 30 anos promocionando a formación dos mozos e mozas na música tradicional, organizando actividades que apoian a nosa identidade e contribuíndo a preservar o noso patrimonio cultural”.
No evento, que se celebrará este sábado e terá unha duración aproximada de dúas horas, participarán 28 integrantes do grupo Dambara, vestidos co traxe tradicional galego, e interpretarán entre dez e quince pezas, que inclúen pasodobres, muiñeiras, así como outras composicións da música tradicional galega.