A Deputación conmemora ao carón da AECC Lugo o Día Mundial Contra o Cancro
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo RiveraCapón, participou este mércores no edificio administrativo da Xunta de Galicia nos actos organizados pola Asociación Española Contra o Cancro con motivo do Día Mundial desta enfermidade, que padecen arredor dunhas 300.000 persoas en España. Esta xornada incluíu unha conferencia do paciente Javier Castro, que ofreceu a súa testemuña tras recibir o diagnóstico e, posteriormente, realizouse a lectura do manifesto a cargo do presidente da AECC Lugo, José María Rozas Bello.
Rivera Capón recordou que a Deputación de Lugo manténunha estreita relación con esta entidade, que ofrece atención psicolóxica, orientación social, logopedia, prevención ou obradoiros grupais -entre outras moitas actividades-, realizando unha achega económica de 10.000€ para colaborar coa atención dos pacientes oncolóxicos da provincia.
Como xesto simbólico de apoio, sensibilización e visibilización da loita contra o cancro, a Deputación iluminará esta noite a fachada do Pazo de San Marcos de cor verde, sumándose así ás accións promovidas pola AECC con motivo desta conmemoración.
