A Vicepresidencia da Deputación apoia a candidatura a fondos europeos dun proxecto da Carqueixa e Corripa para a recuperación de pasteiros e a conservación de biodiversidade na montaña lucense
Rural comprometeu unha colaboración de 250.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, a principal achega institucional á iniciativa en Galiza
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o desenvolvemento do proxecto Life Wild Pollinators, promovido pola Cooperativa de Gandeiros da Carqueixa e a Asociación Corripa para a recuperación de pasteiros e a conservación de insectos polinizadores en espazos de montaña.
As entidades promotoras presentaron a candidatura do proxecto á convocatoria de fondos europeos Life Natura and Biodiversity, cuxa resolución se agarda para o vindeiro mes, coa colaboración da área de Rural, que comprometeu unha colaboración de 250.000 euros, en cinco anualidades, para desenvolver actuacións na montaña lucense.
Este compromiso económico, que supón a principal achega institucional ao proxecto en Galiza, dá continuidade á colaboración que a área de Rural mantén coa cooperativa gandeira e coa asociación ambientalista de Negueira de Muñiz, integradas desde o comezo en proxectos desenvolvidos desde a área de Rural como o programa Da Escola á Granxa.
Nese sentido, a Vicepresidencia da Deputación valorou “a potencialidade da rede de granxas e proxectos de emprendemento creada arredor de programas como Da Escola á Granxa e do soporte económico e organizativo que a área de Rural ofrece ao sector agrogandeiro da provincia, ao tecido investigador e ás iniciativas de conservación do territorio ”.
Recuperación de pasteiros nos Ancares e en Negueira de Muñiz
O proxecto LIFE Wild Pollinators, de 8 millóns de euros de orzamento, pretende desenvolver modelos de xestión territorial que protexan os hábitats de montaña e en particular as plantas e de insectos polinizadores silvestres que se atopan nestes espazos de montaña, para frear o seu declive e tentar mitigar os problemas ocasionados.
O apoio económico comprometido pola área de Rural garante que parte das actuacións do proxecto – que abarca diferentes territorios de España (Cordilleira Cantábrica), Francia (Pirineos) e Portugal (Serra da Estrela)– se desenvolvan na provincia de Lugo, concretamente na Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e na Zona de Especial Conservación de Negueira de Muñiz.
Á espera de coñecer a resolución da Comisión Europea, as entidades promotoras móstraronse esperanzadas de obter unha resposta positiva para concretar o desenvolvemento das actuacións que suporían, só no ámbito da provincia, a creación de 8 postos de traballo durante cinco anos e a recuperación e restauración de pasteiros dos centos de gandeiros que xa comprometeron por escrito o seu apoio ao proxecto, ademais de conservar centenares de especies de polinizadores silvestres.
Desde hai milenios, as flores dos prados de dente e sega atraen a unha enorme diversidade de insectos polinizadores, como abellas, abellóns, moscas, bolboretas, avelaíñas e escaravellos, moitos dos cales habitan exclusivamente nestes hábitats. Actualmente, a riqueza de especies de plantas e polinizadores asociados aos hábitats agrogandeiros montañosos e subalpinos das montañas do sur de Europa atópanse en franco declive e dependen da supervivencia destes modos tradicionais e sostibles de intervir na montaña