Deputación de Lugo
Infraestruturas

Cortadas seis estradas provinciais e preto de 90 afectadas pola neve na Montaña

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
A Deputación mantén pechadas por asolagamentos a LU-P-3204 en Monforte; a LU-P-4703 na Pobra do Brollón; e a LU-P-0901 en Bóveda; hai dúas pontes afectadas en Navia de Suarna e Muras, na LU-P- 3501 e LU-P-6502; e en Pedrafita do Cebreiro, a circulación na LU-P-1301 está interrompida á altura de Pacios pola caída dunha árbore

A institución provincial mantén despregado un amplo dispositivo contra as nevaradas formado por 48 operarios e 26 máquinas e vehículos, que na mañá de hoxe facilitaron o transporte escolar e abriron paso ao persoal dos servizos sociais

A Deputación mantén cortadas este martes seis estradas provinciais e conta con preto de 90 afectadas pola neve na Montaña. A forte choiva caída entre a noite e a mañá de hoxe obrigou á institución provincial a pechar por asolagamentos a LU-P-3204 en Monforte; a LU-P-4703 na Pobra do Brollón; e a LU-P-0901 en Bóveda.

Continúan tamén afectadas dúas pontes en Navia de Suarna e Muras, polo que o tráfico non pode pasar polo tramo vello da LU-P- 3501 nin á altura do quilómetro 22 da LU-P-6502. A maiores, en Pedrafita do Cebreiro a circulación na LU-P-1301, que é a que conecta este concello con Seoane de Courel, está interrompida á altura de Pacios pola caída dunha árbore, aínda que está previsto que a vía quede aberta á tarde.

Segundo informan os técnicos, a circulación estase vendo afectada en toda a rede provincial e, por zonas, a cota de neve baixou aos 500 metros. Nese sentido, a peor parte das nevaradas está a afectar á comarca da Montaña, onde  nalgúns municipios como Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil, Samos ou Triacastela hai acumulada entre 10 e 20 centímetros de neve. En Cervantes, os operarios rexistraron un espesor de neve de 25 centímetros nalgún punto.

O operativo invernal que mantén mobilizado a institución provincial conta hoxe con 48 operarios e 26 máquinas e vehículos: 10 quitaneves, 8 pick ups con cuña e saleiro e 8 vehículos todoterrenos para resolver as diferentes incidencias. Un equipo que na mañá de hoxe foi fundamental para garantir o transporte escolar e abrir paso ao persoal dos servizos sociais, que en moitos casos levaban comida a domicilio para persoas maiores que viven na Montaña.

 

Estrada á altura de Pacios