A Deputación recibe na Fonsagrada aos participantes da edición máis dura do Trail Terras de Burón
O Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, recibiu este venres aos máis de 800 participantes da IV edición do Trail Terras de Burón. Aedición máis dura desta carreira de Montaña incluía por primeira vez unha categoría competitiva en distancia ultra -58 quilómetros- nunha fin de semana marcada polas alertas de neve na Montaña.
Carlos López felicitou aos deportistas que participaron nas diferentes probas, unha andaina de 16 quilómetros, e tres competitivas: o Trailiño, de 18 quilómetros; o Trail das Seimeiras, de 30 quilómetros; e o Ultra Terras de Burón, con 58 quilómetros, a máis esixente para os corredores con 3.000 metros de desnivel positivo.
Trátase dun evento que continúa medrando ano a ano e que este ano superou a barreira das 800 persoas, o que para Carlos López é un sinal inequívoco de que está completamente asentado no calendario deportivo da provincia. “Esta proba repercute positivamente na economía local do concello e na promoción da Fonsagrada, pero tamén na de toda a Montaña”.
A Deputación colabora estreitamente coa entidade que organiza esta cita deportiva, o Club de Montaña Terras de Burón, ao cal achega 5.000 euros para a realización das súas actividades.