O programa Da Escola á Granxa medra cun novo material lúdico e didáctico, o Xogo da Pita Choca
Todas as anpas que participaron na última edición do programa Da Escola á Granxa recibirán un exemplar do xogo, que estrearon esta mañá algúns das nenas e nenos que se achegaron ao acto.
O programa de educación rural da Vicepresidencia a Deputación de Lugo Da Escola á Granxa medra cun novo material lúdico e didáctico, o Xogo da Pita Choca.
O deputado de Rural Daniel García presentou esta mañá no Pazo de San Marcos este novo recurso, nun acto que contou coa presenza de asociacións de nais e pais que participaron no programa, coa concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza de Lugo Cristina López, e con Leticia Gutiérrez, tesoureira da Federación Provincial de Anpas de Lugo, que ven colaborando desde o inicio na organización do programa.
O Xogo da Pita Choca, deseñado por Inés López Penelas, de Inpe, e Cristina Rodríguez, de ZZ Design, conta cun taboleiro en espiral, de 63 casiñas numeradas, ilustradas con animais e alimentos que se producen nas granxas que participan no programa Da Escola á Granxa, que representan o potencial produtivo da provincia de Lugo.
O deputado explicou que “se trata dun material creado para celebrar a traxectoria do programa, que este ano alcanzará a quinta edición e que nos últimos catro achegou máis de 18.000 nenas e nenos de toda a provincia a granxas e proxectos de emprendemento no rural coa colaboración das anpas”.
“De cara ao quinto aniversario, pensamos nun xogo. Optamos por un xogo de mesa, que se pode palpar, tocar, na filosofía do programa Da Escola á Granxa, que busca achegar ás nenas e nenos á actividade agrogandeira a través de referentes reais e próximos, como as gandeiras e gandeiros, produtores, que participan nel”.
O responsable provincial explicou que “o xogo toma o nome dun dos poemas de O soño na gaiola, de Manuel María, “A pita choca”, que fala do coidado, que identifica ás anpas e ás familias, para as que está pensado”.
Leticia Gutiérrez encadrou a colaboración da FAPACEL co programa no obxectivo compartido de “recuperar o valor e a visibilidade do rural e dunha forma de vida que é digna, moderna, que ten futuro e que é respetuosa do medio ambiente” defendendo os dereitos das alumnas e dos alumnos”.
A concelleira Cristina López valorou especialmente “a posibilidade que o programa Da Escola á Granxa ofrece ás nenas e nenos da cidade, en xeral con menos vínculos coa actividade agrogandeira, de achegarse á orixe dos alimentos e a unhas actividades plenamente vinculadas ás nosas raíces e á nosa identidade”
Todas as anpas que participaron na última edición do programa Da Escola á Granxa recibirán un exemplar do xogo, que estrearon esta mañá algúns das nenas e nenos que se achegaron ao acto.
O Xogo da Pita Choca amplía os recursos didácticos do programa Da Escola á Granxa, que conta con outros materiais complementarios ás propias actividades educativas nas granxas como os libros “Os Bolechas van da Escola á Granxa”, que comezou a editarse na primeira edición do programa, en 2022, e que se renova cada anualidade, incorporando as granxas que participan na iniciativa, reforzando e diversificando a súa oferta formativa