A Vicepresidencia da Deputación colabora cunha nova edición do Lugo Cultural, que dobra a aposta en artistas emerxentes
O Lugo Cultural despregará un ano máis en Lugo unha ampla e diversa programación con actuacións musicais, certames de teatro, danza ou fotografía e espazos de debate, espallados en diferentes emprazamentos da cidade e pensados para impulsar a dinamización e a creación entre a comunidade universitaria.
A deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro e a directora do Campus Terra Elvira López presentaron esta axenda cultural, organizada pola área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela con financiamento da propia universidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Concellería de Cultura do Concello de Lugo.
O Lugo Cultural dá continuidade a ciclos e certames artísticos xa consolidados como o Maratón Fotográfico do Campus, o Findecurta, o Festival de Teatro Universitario, o Encontro de Danza Universitaria ou os ciclos musicais Músicas a Carón da Mosqueira e Lubicán, cun cartel protagonizado por artistas emerxentes como XMaseda65, Lina e Lola + Unto Vello, Zeltia Irevire, XianPais + Ulex, Kid Mount + ünder & Diego Flâneur, Sofía Espiñeira ou O Xoán.
A programación inclúe tamén foros e espazos de debate nos que se abordan cuestións de actualidade, como os Encontros de Lúa Chea ou o Microaberto, no que as persoas inscritas poden intervir con monólogos, textos, poemas ou no formato oral no que desexen expresar a súa creatividade. Podes descargar aquí o calendario de actividades.