Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación inicia os traballos prioritarios do plan de xestión do arborado coa tala dun pradairo en Santa María

Plan de xestión do arborado
Trátase dun exemplar de gran tamaño que se retira atendendo ás solicitudes dos residentes da rúa Deputación e respondendo tamén aos criterios técnicos, que sinalan que a súa curvatura era excesiva e afectaba á estabilidade dos edificios próximos

Hai pendentes outras seis actuacións nas instalacións provinciais consideradas de necesidade “alta” polo persoal do servizo de Medio ambiente: a poda dun ligustro, tres pradairos e unha palmeira canaria no Fogar e un acivro no Museo Provincial

A Deputación de Lugo iniciou este xoves os traballos de “prioridade alta” recollidos na segunda fase do plan de xestión do arborado, coa tala dun pradairo no Fogar de Santa María. Trátase dun exemplar de gran tamaño que se retira atendendo ás solicitudes dos residentes da rúa Deputación e atendendo tamén os criterios técnicos, que sinalan que a súa curvatura era excesiva e afectaba á estabilidade do muro de contención e tamén dos edificios próximos.

Hai pendentes outras seis actuacións nas instalacións provinciais que son consideradas de necesidade “alta” polos técnicos do servizo de Medio Ambiente: a poda dun ligustro, tres pradairos e unha palmeira canaria no complexo do Fogar de Santa María e un acivro no Museo Provincial. A meirande parte destas actuacións son por cuestións de saneamento, redución e seguridade, aínda que no caso da palmeira canaria é por unha cuestión de formación do exemplar e de tratamento contra a praga do picudo vermello.

O Plan de xestión do arborado conta cun investimento de 18.000€ e consiste nun estudo, elaborado polos técnicos do Servizo de Medio Ambiente da Deputación, que analiza e propón actuacións para preto de 50 exemplares do Pazo de San Marcos, Museo Provincial e Fogar de Santa María. Unha folla de ruta que responde á necesidade de facer unha xestión responsable do arborado, combinando a seguridade das persoas coa preservación do patrimonio natural. 

Con esta actuación, a Deputación reafirma o seu compromiso coa protección dos espazos verdes e cunha xestión sostible e segura do medio natural de titularidade provincial.