A Presidenta e o Alcalde de Trabada inauguran un novo centro social na parroquia de Abres
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Trabada, Rubén García, inauguraron este domingo un novo centro social na parroquia trabadense de Abres. Durante a súa primeira visita oficial ao concello mariñán desde que asumiu o cargo, López destacou que “o rural ten futuro, pero necesita servizos” e nese sentido puxo en valor o compromiso da institución provincial, que achegou 190.000€ para a construción deste espazo.
“Trabada exemplifica ben o que é a nosa provincia. O peso do rural no noso territorio, os retos cotiáns sobre a dispersión da poboación e o seu envellecemento. Pero tamén o valor da vida comunitaria ligada ós espazos compartidos como este que inauguramos hoxe”, subliñou a Presidenta. Un lugar de convivencia “tan necesario para a parroquia de Abres”, a única do municipio que non tiña ata o de agora unha instalación destas características.
Nun acto no que participou a Corporación local, Alcaldes e Alcaldesas da Mariña e Occidente Asturiano e numerosos veciñas e veciños, felicitou ao rexedor trabadense por “chamar sempre á porta doutras administracións mirando polos seus veciños e veciñas”, sinalando que conseguiu recentemente o compromiso formal da Deputación para mellorar tamén o centro social de Sante. Sinalou que este tipo de actos “converten a xestión en algo tanxible para todos; dannos a oportunidade de dar a cara diante dos veciños e veciñas e de ser próximos, respondendo con feitos ás necesidades reais”.
Tras as intervencións, a Presidenta descubriu unha placa na entrada do centro para recordar a colaboración da Deputación de Lugo, que tamén fixo unha achega económica á asociación veciñal para poder adquirir o mobiliario necesario para a dotación.
Visita ao Centro de Maiores e á LU-P-6101
Durante a súa primeira visita, Carmela López visitou tamén o Centro de Atención a Maiores que a Deputación ten en Trabada, saudou e compartiu un rato distendido cos residentes e traballadores. Tamén aproveitou a visita para supervisar a estrada LU-P-6101, que conecta Trabadela e A Ría por Sante, que a Deputación rematou de renovar na súa totalidade o ano pasado cun investimento que superou os 300.000€.