A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega o deporte e a cultura urbana á rapazada co Urbán Miúdo: o 29 de decembro no Auditorio Fuxan os Ventos
A participación nas actividades é gratuíta
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza o vindeiro luns -29 de decembro – a primeira edición de Urbán Miúdo, un evento no que descubrir, practicar e compartir deportes urbanos como skate, parkour, breakdance ou streetfootball.
A iniciativa, que se desenvolverá na explanada do Auditorio Fuxan Os Ventos, en Lugo, ofrece un espazo seguro, creativo e motivador para achegarse a estas disciplinas deportivas, ampliando as actividades de lecer para a rapazada nas vacacións escolares de Nadal.
O recinto contará con espazos habilitados para skate, parkour, breakdance e street football, con monitoras e monitores especializados que acompañarán a rapazada que queira iniciarse e compartirán trucos e técnicas con participantes con máis experiencia. A organización facilitará o material e as proteccións necesarias para desenvolver as actividades.
Ademais dos espazos deportivos, o recinto ofrecerá actividades artísticas e musicais ligadas á cultura urbana. Así, haberá un obradoiro de DJ no que nenas e nenos poderán facer un par de mesturas con controladoras pequenas, coa guía de artistas do colectivo TSCrew, un obradoiro de beatbox no que poderán probas a súa habilidade para crear sons, ritmos e melodías empregando o propio corpo, un obradoiro para deseñar gorras e camisetas.
O recinto contará cunha zona familiar na que se proporán xogos en equipo para familias e uns escenario con sesións de Djs locais de música urbana e exhibicións de breakdance con crews invitados.
A deputada de Cultura Iria Castro, o tenente alcalde Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro convidaron a participar nas actividades, destacando que "se trata dunha oportunidade para achegar as nenas e nenos a diferentes disciplinas deportivas e tamén ás distintas manifestacións da cultura urbana, nun espazo seguro e compartido”.
As actividades desenvolveranse de 16.00 a 21.00 horas, de forma simultánea, para que todas as persoas asistentes poidan pasar polos diferentes espazos e obradoiros. A asistencia e participación é gratuíta. As nenas e nenos que asistan están convidadas a chocolate con churros.